Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2025 | Actualizada ás 10:23
O xa exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, deixou este mércores o seu cargo no Goberno galego dous anos despois de que en xuño de 2023 o presidente, Alfonso Rueda, con quen mantén unha relación de amizade, decidise 'ascendelo' a titular dun departamento autonómico tras unha dilatada traxectoria local como alcalde de Cervo.
Faino investigado por mor dunha denuncia por suposta agresión sexual presentada "meses" atrás pola presentadora ferrolá Pomba Lago. Da entrada de Villares, quen sucedía a Rosa Quintana, a entón integrante máis veterana do Consello da Xunta, xunto co propio Rueda, fíxose entón unha dobre lectura: que Rueda apostaba por promover a dirixentes do ámbito local e tamén que iniciaba o deseño dun equipo propio no que foron, paulatinamente, cambiando máis caras, e apostaba por perfís próximos a el.
Por iso, cando Feijóo incorporou a algúns dos seus colaboradores que continuaran no Executivo autonómico ás súas listas electorais para os comicios xerais de 2023 e quedaron vacantes na Xunta, Rueda puido empezar a marcar o perfil coas súas fichaxes. Entón, os elixidos foron Villares e a ourensá Elena Rivo, que non repetiu no Goberno que conformou o pontevedrés tras revalidar a maioría absoluta en 2024.
AMPLA TRAXECTORIA LOCAL
Ademais da proximidade con Rueda, con quen chegou a compartir de forma pública percorridos en bicicleta, unha das afeccións deportivas do presidente galego, Villares (Cervo, 1970) acumulaba unha importante traxectoria no ámbito local con notable éxito electoral.
Licenciado en Veterinaria, e entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario. Concelleiro do PPdeG en Cervo desde 1995, con responsabilidades de goberno desde 1999 e como alcalde desde as eleccións municipais de 2007, chegou a revalidar catro maiorías absolutas consecutivas. Tamén exerceu como vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Dous anos despois da súa designación como conselleiro e tras unha denuncia que Lago presentou "meses" atrás nun xulgado de Ferrol, Villares abandonou o seu cargo nunha rolda de prensa que finalizou cun aplauso enérxico dos membros do seu equipo na Consellería, que lle apoiaron na sala de prensa. El declarouse "absolutamente inocente".
POLÍTICA PESQUEIRA
Á fronte dunha área económica estratéxica en Galicia como é a política pesqueira afrontou retos significativos, aínda que a súa principal 'crise' ata agora foi a dos pélets, nun contexto preelectoral no que a oposición a Rueda converteu a chegada dos plásticos á costa galega nun dos seus cabalos de batalla.
Nese contexto ten a orixe una das frases que marcaron desde un punto de vista mediático a Villares, quen, preguntado entón sobre as consecuencias alimentarias, dixo no seu día que el non comía "os aparellos dixestivos dos peixes" nos que se podían aloxar pélets, aínda que apuntou que "calquera persoa" pode comer "ás veces accidentalmente algún plástico". "Entran por onde entran e saen por onde saen", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.