Así é o protocolo para intervir con osos pardos en función do seu comportamento: de habituados a problemáticos

Ramón Parga Baliña, axente medioambiental no distrito IX Lugo-Sarria, explica como se actúa ante osos feridos, acostumados a baixar comer ás vilas ou atacantes de gando, e que criterios rixen a súa captura, liberación ou sacrificio.

Por Ángela Precedo | LUGO | 13/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos, o oso pardo foi reconquistando pouco a pouco o que un día foi o seu territorio. De estar ao bondo da extinción na Cordilleira Cantábrica a contabilizarse agora preto de 400 exemplares, a súa recuperación é unha das grandes historias de éxito da conservación da fauna salvaxe na península ibérica. Pero, como acontece a miúdo cos grandes carnívoros, o retorno do oso non só é motivo de celebración. Tamén implica preguntas difíciles, preocupacións lexítimas e a necesidade de novas ferramentas para abordar un escenario inédito: como convivir, de verdade, cunha especie que, durante décadas, moitos só coñeceron polas páxinas dun libro ou un documental. Porque o oso xa non é unha lenda do monte nin unha sombra de alta montaña. Está aí, ás veces visible, outras veces só nas pegadas que deixa en colmeas, pradairos ou frutais. E a súa presenza xera preguntas que non se resolven só con boas intencións.

Oso pardo no Parque Natural do Invernadoiro
Oso pardo no Parque Natural do Invernadoiro | Fonte: ADEGA - Arquivo

Como se xestiona un avistamento? Que facer se aparece preto dunha aldea? Que datos se teñen sobre os seus movementos? E como distinguir se un ataque ao gando é seu ou doutro animal? Durante as xornadas de Nature FIRST celebradas hai unhas semanas en Lugo, Ramón Parga Baliña, axente medioambiental no distrito IX Lugo-Sarria, debullou o protocolo de intervención con osos na Cordilleira Cantábrica, un documento aprobado no 2019 pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade. Este protocolo foi elaborado por un grupo de traballo vinculado ao proxecto LIFE Oso Pardo e resposta, segundo explicou, a dous motivos principais: o aumento notable da poboación oseira e o incremento de situacións nas que se require intervención humana para resolver conflitos ou problemas.

O protocolo ten catro obxectivos fundamentais: garantir a seguridade das persoas, asegurar a conservación da especie, previr conflitos entre osos e humanos e fomentar a colaboración entre as catro comunidades autónomas con presenza de oso. Esta última meta, apuntou Parga, non sempre é doada de acadar: "Non é tan sinxelo como semella, porque cada rexión ten diferentes políticos, de diferentes cores, e non é tan sinxelo chegar a un consenso". Ademais, apunta a que "a Administración non adoita ser tan áxil como as empresas nas súas actuacións", o cal tamén supón unha problemática engadida. En calquera caso, o procolo define tres situacións que esixen actuación administrativa: un oso con problemas, un oso habituado ou un oso problemático.

OSOS CON PROBLEMAS: ANIMAIS FERIDOS, ATRAPADOS OU CRÍAS ABANDONADAS

Neste caso, trátase de animais feridos, atrapados ou en situacións anómalas, como osos coa cabeza atascada nalgún lugar ou crías que semellan estar abandonadas, por poñer algúns exemplos. Ante estes casos, contáctase co centro de recuperación de fauna salvaxe ou coa clínica veterinaria correspondente, para informar das lesións do animal. O director do operativo e o veterinario valoran a posibilidade de capturalo. No caso das crías, o protocolo indica que deben deixarse in situ, agás que presenten algún problema físico evidente.

Familia de osos pardo
Familia de osos pardo | Fonte: plataformadefensagistreo.blogspot.com - Arquivo

OSOS HABITUADOS: BUSCAN COMIDA RECORRENTEMENTE PRETO DOS HUMANOS

Considéranse habituados aqueles osos que buscan comida de maneira recorrente preto dos humanos, por exemplo en contedores, hortas e vilas ou aldeas, e que non amosan actitude de fuxida ante a presenza das persoas. Nestes casos aplícanse medidas de disuasión, primeiro acústica e logo física se é preciso. Parga explicou como se leva a cabo unha destas intervencións: "Consiste en poñerse fronte ao animal a unha distancia prudencial, levantar os brazos, berrarlle... e intentar asustalo". "Se non presenta actitude de fuxida, faise unha disuasión física: cunha escopeta, disparos de bólas, de caucho ou mesmo de munición de pouca gramaxe, dirixida sobre todo aos cuartos traseiros", sinalou. Esta actuación non debe ser puntual, advertiu: "Ten que ser continua e persistente, non é tan doado como dárlle unha vez e esquecernos do oso, senón que hai que seguilo e insistir, porque o oso ten que asociar ir comer ao contedor ou á horta cunha situación de estrés e un pouco de dor, para que lle quede gravada esa actitude como algo negativo". Antes de propoñer a captura dun oso habituado, deben esgotarse estas tres fases de disuasión.

OSOS PROBLEMÁTICOS: AMOSA COMPORTAMENTOS AGRESIVOS E NON SE ASUSTA

Un oso problemático é aquel que amosa comportamentos agresivos ou achegamentos anómalos ás persoas, e non se asusta. O axente puntualizou que non se inclúe neste criterio a unha osa con crías, porque "é normal que unha osa, ao igual que calquera outro animal, defenda ás súas crías, iso non podemos consideralo como un oso problemático". Nestes casos, o director do operativo pode propoñer a captura e traslado a catividade, ou mesmo o sacrificio, xa sexa no lugar ou no centro de recuperación. Todas elas son medidas legalmente autorizadas. Así, as técnicas de captura inclúen o uso de lazos e de trampas tipo cúlver, unha trampa cilíndrica considerada a máis segura para o animal. "Está estudado que evita bastante os danos", indicou. Esta trampa cébase co alimento concreto ao que estea acudindo o oso, evitando cebos de orixe animal para non atraer a outros predadores ou carroñeiros.

Por outra banda, a liberación de exemplares tamén está protocolizada. Deben analizarse variables como a dispoñibilidade de alimento na zona, a presenza doutros osos, a proximidade a núcleos de poboación ou a accesibilidade ao lugar. Parga recoñeceu que as trampas cúlver impoñen unha limitación loxística: "Non é doado chegar a moitos sitios con elas, polo que hai que estudar onde facer a liberación". Ademais, outro aspecto a ter en conta son as cazarías programadas. En Galicia, lembrou o axente, celébranse batidas de xarabil case todas as fins de semana agás durante tres meses ao ano. Nestes casos, se a fin da tempada está próxima, é preferible agardar e non soltar ao animal en plena campaña cinexética.

O protocolo tamén contempla unha doble marcaxe do animal: microchip, crotal e emisores de radiofrecuencia ou, preferiblemente, GPS. "O colar debe ter sensor de mortalidade, se é posible", apuntou Parga. O transporte realízase coa propia cúlver, e o veterinario determina se é precisa a sedación. Toda solta debe gravarse en vídeo e fotografarse. Pódese deixar alimento na zona para facilitar a aclimatación e os dous primeiros días faise un seguemento continuo. Os dez días seguintes, realízanse localizacións por radiofrecuencia. A partir de aí, prevese unha nova intervención só se o animal non se move, se se activa o sensor de mortalidade, se o veterinario así o considera preciso ou se o exemplar reaparece en zonas poboadas.

COMO SE ACTÚA ANTE UN CASO DE MORTE ANIMAL POR ENVELENAMENTO

Parga pechou a súa intervención amosando un caso real de envelenamento detectado en Galicia. Tratábase dun lobo que estaba sendo monitorado polo Miteco mediante radiofrecuencia, non dun oso, pero o protocolo de actuación é semellante en ambas especies e, ante casos de posible envelenamento, inclúe levantar un acta de recollida do cadáver, trasladalo con cadea de custodia a un centro de recuperación, conxelalo, realizarlle a necropsia e, se esta apunta a veleno como causa da morte, enviar mostras a toxicoloxía. No caso deste lobo, no informe toxicolóxico apareceron tres anticoagulantes: dous de uso veterinario e un terceiro especialmente chamativo, o acenocumarol, principio activo do Sintrom, un medicamento humano común usado para tratar problemas de corazón. "Este caso fala de contaminación ambiental, sendo importante saber como chega ese Sintrom ao animal", dixo o axente, que sinalou que tamén se detectaron estes compostos en linces mortos por atropelo. "Se alguén nos pode explicar este caso...", deixou caer ao final, abrindo a porta ao debate sobre esta problemática.

Oso Pardo nos Ancares
Oso Pardo nos Ancares | Fonte: turgalicia - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta