Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 13:27
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu, de forma cautelar, a resolución da Xunta de Galicia pola que se determinou o réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, ao entender que a súa posta en práctica podería "afectar á viabilidade das poboacións".
A Sala, que aplicou o principio de precaución ambiental, explica no auto que na adopción das medidas de xestión que se contemplan na resolución, "atópase o control de lobos co fin de previr e paliar os danos á gandaría". Con todo, recalca que, "na ponderación obrigada nesta medida cautelar, a estes sós efectos, deses danos na gandaría, dun lado, e, doutro, a protección da viabilidade das poboacións de lobo", débese ter en conta que sobre "os danos á gandaría non se ofrece información nin cualitativa nin cualitativa", así como que eses danos á gandaría, "aínda que non son reversibles, si son indemnizables".
O alto tribunal galego lembra na resolución que a medida cautelar adoptada "acóutase ao réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, pois o réxime de caza doutras especies e a súa protección, aínda regulado total ou parcialmente pola Resolución de 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, cuxa modificación agora é obxecto de impugnación, é alleo ao presente litixio, con independencia da impugnación da devandita resolución de 27 de marzo de 2024 noutros recursos ante esta Sala".
Os maxistrados advirten que o incidente cautelar "non pode anticipar o sentido da resolución final do litixio no que atende ao fondo do debate", á vez que subliñan que "o principio de precaución ambiental non atende ao fumus como aparencia de bo dereito da pretensión principal, senón que opera no proceso de ponderación entre os bens xurídicos en risco, xuízo que se desprega no plano fáctico, limitado, ademais, pola funcionalidade propia do incidente cautelar".
No auto, lembra que, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, "o principio de precaución imponse tanto na área concernida pola resolución como na avaliación extensa, que integra a áreas limítrofes, pero tendo que ser favorable o estado das poboacións en ambos os escenarios e non só nun deles", ao que engade que, coa provisionalidade inherente a este incidente e á limitada proba practicada ata o momento, existen "indicios consistentes, coas mesmas limitacións probatorias, dunha cualificación desfavorable respecto do estado das poboacións". Por tanto, o TSXG accedeu á medida cautelar solicitada por WWF-ADENA.
A XUNTA AGARDA QUE NON SE TRATE DUN "EÓLICO 2"
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou que estudarán a decisión pero espera que isto non se trate dun "eólico 2". Ademais, lembrou que a Unión Europea tomou unha decisión porque "calibrou e viu que hai unha parte que ten un problema, que neste caso son os gandeiros, pero non só, porque se pon en dúbida o resto da biodiversidade". Engadiu que tamén o aprobou o Congreso estatal, que votou e deixou ao lobo fóra da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre).
"A partir de aí, o que fai a Xunta é, ao recibir unha serie de solicitudes, autorizar nalgún caso, e noutros pedir que se complemente documentación. O que temos que facer agora é ver en que se basea o TSXG pero espero que non sexa isto un 'eólico 2", esgrimiu. Si lles lembrou algúns datos, como a media de 10 mortes diarias de gando, o que "compromete a viabilidade de varias explotacións e tamén dunha parte que é cultural, como pode ser a Capelada, con cada vez menos poldros".
"E en ningún caso se compromete a viabilidade da poboación do lobo, tendo en conta que hai un incremento nos últimos tempos. Temos actualizados os datos e temos 93 mandas, superior a Portugal e a Francia. Somos a comunidade que máis lobos ten e non poden basearse simplemente en facer análise de toda España e centralizar o lobo única e exclusivamente en Galicia", defendeu. A conselleira apela á responsabilidade do Ministerio de Transición Ecolóxica e lamenta que os gandeiros que, "se crían protexidos", "igual con este auto non é así". "Pero hai que valoralo", insistiu.
WWF ESPERA QUE SIRVA DE "EXEMPLO" PARA OUTROS CASOS SEMELLANTES
Pola súa banda, WWF celebrou o auto do alto tribunal de Galicia e espera que sirva de "precedente" noutros casos semellantes abertos en tribunais doutras comunidades autónomas como Asturias ou Cantabria para que "non se permita as mortes de exemplares de lobos en plena época de reprodución". "Por fin unha boa noticia para o lobo. Celebramos esta decisión paralizando a matanza de lobos, aplicando o principio de precaución polos posibles danos irreversibles para a poboación", declarou o Secretario Xeral de WWF España, Juan del Olmo, que engadiu que o lobo segue sendo unha especie protexida de acordo á directiva comunitaria "e como tal debe ser tratada e conservada". "É fundamental que, á hora de enfocar a conservación desta especie, se aplique a normativa comunitaria sobre conservación de especies (Directiva Hábitat) e se escoite á ciencia, deixando ao carón a demagoxia e as decisións políticas", concluíu.
UNIÓNS AGRARIAS EN DESACORDO
Unións Agrarias manifestou o seu respecto institucional ao auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que decreta a suspensión cautelar do réxime do lobo da Xunta de Galicia, pero expresaron o seu desacordo co contido e alertaron de "as posibles consecuencias que esta decisión pode ter sobre o equilibrio do medio rural galego". "A sociedade galega debe saber que o lobo non está en perigo de extinción en Galicia e que ninguén defende a súa desaparición no territorio", afirmaron nun comunicado.
Insisten en que é necesario controlar as súas poboacións e os seus danos para "garantir unha convivencia razoable coa gandaría extensiva e a seguridade en moitas aldeas nas que os ataques do lobo -- mesmo en contornas habitadas-- están a adquirir un perfil cada vez máis preocupante". Así, consideran que a extracción puntual de lobos debe formar parte das ferramentas de control dispoñibles, "especialmente en situacións de acoso reiterado a explotacións concretas ou risco para persoas".
Apuntan ademais que estas accións deben complementarse con outras medidas de xestión, como as preventivas ou a alimentación disuasoria, "sempre baixo criterios científicos e técnicos, como se fixo tradicionalmente na Galicia rural, que conviviu co lobo e conservouno ao longo da historia, a diferenza da maioría de rexións europeas, onde a especie desapareceu no século XX e volve agora con forza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.