Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 15:00
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, enxalzou o "compromiso real" do Goberno galego coa gratuidade das escolas infantís de 0-3 anos, ante as críticas do BNG que advertiu de que "non hai prazas suficientes" para cubrir a demanda. Así, este mércores, no Parlamento de Galicia, os nacionalistas interpelaron á conselleira sobre a demanda de prazas nestas escolas públicas, así como pola regulación do acceso ás mesmas.
Neste sentido, a deputada do BNG Ariadna Fernández apuntou que a Xunta "non lles pode chamar" servizo universal ás escolas infantís porque, "todos os anos, quedan nenos fóra". Desta forma, Fernández expuxo varios documentos coas listas de espera neste servizo educativo. "Non hai prazas dabondo para cubrir a demanda deste servizo", asegurou a deputada do BNG.
Na súa quenda de réplica, a conselleira asegurou que hai "máis 32.000 prazas" no primeiro ciclo de Educación Infantil e que as familias "aforran máis de 3.000 euros ao ano por fillo". Ante as listas de espera, García asegurou que "o proceso aínda non finalizou" e que hai "moitas familias" que piden prazo en "máis dunha escola", polo que pediu "agardar a que finalicen todos os prazos e trámites, para depurar todas esas duplicidades". "Pídolle que espere ao final deste proceso de matriculación para saber con máis certeza como acaba ese proceso en toda Galicia", esgrimiu a conselleira.
Fabiola García lembrou que a Xunta destina 65 millóns de euros ao ano á gratuidade das escolas infantís que "non contan" con "ningún apoio económico" do Goberno central. Finalmente, a conselleira asegurou que "todas as familias escolarizadas" en Galicia "acceden a unha praza pública" e, ademais "a maioría" son familias que están escolarizadas na rede da Xunta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.