Por Galicia Confidencial | Cabanas | 12/06/2025 | Actualizada ás 11:50
O grupo comarcal ARTABRA, pertencente á Asociación Ecoloxistas Galiza "Atlántica e verde" denuncia o "arboricidio" que se está cometendo no Concello de Cabanas. Desde o grupo resaltan que levan denunciando os feitos ante a Xunta e o Seprona desde o comezo da tala, afirmando que "a veciñanza está vendo como se destrúe por parte da alcaldía un património natural valiosísimo e se perden os seus beneficios ecosistémicos para os veciños, para os visitantes e, incluso, para as seguintes xeracións."
Destacan desde esta organización que todas estas accións que o Concello está levando a cabo poderían "ser constitutivas de delitos medioambientais", pedindo así mesmo a detención da deforestación dunha "arboleda senlleira, das poucas que quedan no Concello". Esta tala está levándose a cabo, precisamente, en época de nidificación e cría de moitas especies, polo que a urxencia é aínda maior. Destacan que teñen lugar "en época de protección máxima das árbores, en relación ao aniñamento de fauna, con numerosas especies protexidas, como os picos picapiñeiros, varios tipos de chirros, e paxaros de menor tamaño como chochíns, xílgaros, mitos, paporroibos..."
A tala destas "árbores de gran porte" comezaron o pasado luns, día 9. Desde ARTABRA alegan que, tanto grupos ecoloxistas da zona como as propias veciñas denunciaron o caso ás autoridades, pero "as accións de tala continúan sen deterse, cun ritmo alarmante". Os grupos ecoloxistas mobilizados advirten "das consecuencias negativas para toda a poboación da rexión, en canto á calidade do aire e á perda de zonas sombreadas e frescas".
Fontes veciñais advirten que o Concello podería enfrentarse a importantes sancións económicas, mais "o desastre ecolóxico non terá volta atrás se se continúan as talas". Esta acción, segundo os ecoloxistas, contribúe a "reiterar a relación confitiva coa contorna natural da administración do municipio de litoral, coñecido e disfrutado polo seu areal, acceso ao mar e distintivo piñeiral". Este mércores, 11 de xuño, ás 17:00, convocouse un encontro de protesta para toda a veciñanza e o tecido asociativo da zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.