Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2025 | Actualizada ás 18:12
Afeccionado recoñecido a camiñar, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy (PP) transformouse nun peregrino máis neste mes de xuño para, acompañado dun dos seus fillos e dun amigo deste, realizar parte do Camiño Francés e visitar ao Apóstolo na capital galega, onde prevé chegar entre o domingo e o luns.
A primeira etapa da ruta que elixiu o que fora líder do PP e xefe do Executivo central, apartado do seu cargo por histórica moción de censura en España que deixou a Pedro Sánchez como presidente estatal, realizouna o pasado xoves, uns 25 quilómetros entre Sarria e Portomarín. No segundo tramo, este venres, o expresidente estivo máis acompañado pola prensa, nun escenario político marcado pola dimisión de Santos Cerdán como secretario de Organización do PSOE a raíz do informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que o sitúa como membro da suposta trama de comisións de Koldo García.
E se non faltou algún fotógrafo para captar a súa camiñada, tamén foi preguntado pola situación do PSOE tras a dimisión de Cerdán por un xornalista de Atresmedia. A reacción do expresidente foi difundida en redes sociais polo PP galego cunha mensaxe: "En pleno Camiño de Santiago, Mariano Rajoy deu a resposta sobre a corrupción do PSOE", en alusión á retranca coa que adoita impregnar as súas palabras. "Eu ao Apóstolo Santiago non lle vou a falar deses asuntos polos que vostede se interesa, nin por esas persoas ás que vostede nomeou. Non o merecen", limítase a contestar Rajoy, antes de continuar a súa camiñada.
CAMIÑA "A BO RITMO"
Rajoy partiu na mañá deste venres de Portomarín, con destino Palas de Rei, na súa segunda etapa da ruta, co obxectivo de chegar a Santiago entre o domingo e o luns. Tal e como trasladaron algúns dos peregrinos cos que se atopou, o popular converteuse no foco de atención nunha xornada de gran fluxo de camiñantes. Ademais, coincidiron en que camiña a "un moi bo ritmo" e está en "unha moi boa forma física" para a súa idade. Esta é a primeira vez que percorre unha maior distancia desta ruta de peregrinación (o Camiño Francés), a pesar de que no ano 2014 percorreu un tramo coa entón chanceler alemá, Ángela Merkel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.