Os movementos militares de EE.UU. nas bases españolas "respectan os tratados", segundo Defensa

O Goberno de Trump podería entrar na guerra que Israel comezou contra Irán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2025 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O Ministerio de Defensa reiterou este xoves que os movementos que Estados Unidos está a facer nas bases españolas de Rota e Morón, coa chegada de bombardeiros e avións cisterna (no marco do reforzo militar ante o conflito entre Irán e Israel) cumpren os tratados, aínda que insistiu en avogar por unha desescalada bélica.

Así o trasladou a secretaria de Estado de Defensa, María Amparo Valcarce, en declaracións aos medios con motivo da súa visita á feira Mindtech en Vigo. Segundo subliñou, o Goberno de España está "comprometido coa paz" e non pode "de ningunha das maneiras, apoiar ningunha escalada bélica que a poña en perigo".

No entanto, engadiu, tamén é un Executivo "respectado" porque cumpre os seus compromisos e acordos. Respecto diso, sinalou que España e Estados Unidos manteñen unhas "excelentes relacións", baseadas no "respecto mutuo" e nos tratados, entre eles os que vinculan ás bases de Morón de la Frontera e Rota.

Valcárcel apuntou que o movemento de buques en Rota está dentro do contemplado nos tratados e España é respectuosa, "como o é Estados Unidos", co cumprimento dos acordos. "Isto non é óbice para que esteamos a pedir que haxa non só máis compromiso coa paz, senón buscar unha desescalada do conflito Irán-Israel", engadiu.

O portavións USS George H.W. Bush e o navío español de guerra Juan de Borbón
O portavións USS George H.W. Bush e o navío español de guerra Juan de Borbón | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta