Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2025 | Actualizada ás 14:32
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tachou de "surrealistas" e "hipócritas" as concentracións convocadas este mércores pola Marcha Mundial das Mulleres ante as sedes do PPdeG nas cidades galegas para denunciar a xestión da Xunta respecto da investigación por unha presunta agresión sexual ao exconselleiro do Mar Alfonso Villares. "Surrealista porque protestan e atacan as sedes do PP coa que está a caer e hipócrita porque detrás está o BNG, que segue calado ante a trama de prostitución dos seus socios do PSOE".
En rolda de prensa este xoves, a popular asegurou que o BNG "levou a cabo o que mellor sabe facer: manifestación e alboroto". Nesta liña, denunciou "ataques graves e de odio" e con deputados nacionalistas como Noa Presas "como protagonista na manifestación de Ourense". "A Noa Presas aínda non lle escoitei a primeira crítica aos responsables públicos do PSOE pola contratación de prostitutas a cambio de favores, pero é a primeira en ir á sede do Partido Popular a xulgar, esquecéndose da presunción de inocencia", reprochou.
CARTEIS ARRINCADOS
Ademais, Prado mostrou os carteis que os populares colocaron nas súas sedes este xoves nos que se podía ler 'Machismo socialista' e 'Cómplice nacionalista', con imaxes de Pedro Sánchez, José Luís Ábalos, Koldo García e Santos Cerdán, e de Ana Pontón xunto a María Jesús Montero, e que, segundo denunciou o PPdeG, as manifestantes arrincaron.
Neste contexto, criticou que acudisen ás sedes do PP "a romper" as súas lonas "a favor do feminismo e en contra do machismo". "O BNG rompe lonas porque non pode romper ideas, moi propio do nacionalismo comunista que mostra un autoritarismo insólito en pleno século XXI", censurou. Así mesmo, reprochou que o BNG crea que "só el ten dereito a expresarse", mentres que "o adversario político merece ser silenciado e acosado". "Romper lonas, gritar insultos, sementar odio e acosar sedes políticas, debe ser a nova forma de argumentar do século XXI. Miúda forma de ser demócratas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.