Comeza a 'Operación Verán' con 400.000 desprazamentos previstos

"A seguridade viaria non pode coller vacacións", incide o delegado do Goberno que apela á prudencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Galicia rexistrará máis de 400.000 movementos por estrada -- uns 405.000 -- durante o próximo fin de semana, o primeiro da 'Operación Verán' deste ano. "Fundamentalmente nas provincias atlánticas", especificou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na presentación desta campaña.

"A estes desprazamentos extraordinarios hai que sumarlle aqueles movementos máis curtos, milleiros que se realizan diariamente para ir a zonas de praia ou de lecer", engadiu. Fíxoo durante a presentación da campaña de verán da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) na que estivo acompañado, entre outros, pola directora xeral de Tráfico de Galicia, Vitoria Gómez, e o xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, Antonio Hidalgo.

Na mesma, pediu "precaución" e "prudencia". "A seguridade viaria non pode coller vacacións", incidiu para destacar un "aumento claro da mobilidade por estrada de máis do 3 por cento". En canto ás cifras de falecidos, recalcou o seu "descenso" nas estradas españolas respecto ao ano pasado e, en concreto, fixo fincapé na comunidade galega. "Dun 26%, 13 menos que no mesmo período do ano pasado", indicou sobre a diminución e en alusión ao 37 mortos fronte aos 50 de 2024.

OPERATIVO

Nesta primeira Operación saída, especificou Blanco, velarán pola seguridade dos usuarios 700 axentes do sector de tráfico -- máis de 250 patrullas de servizo cada día --, así como 200 radares, 275 cámaras de televisión, 291 estacións de toma de datos, 45 estacións meteorolóxicas, máis 350 paneis informativos variables, un helicóptero e todo o persoal do centro de xestión de tráfico e de conservación de estradas.

O obxectivo, segundo recalcou, é combater as principais causas dos accidentes de tráfico: o exceso de velocidade e o consumo de drogas e alcol. Ademais, resaltou a incidencia de sinistros en colectivos vulnerables. Así mesmo, ao longo destes dous meses de verán levarán a cabo campañas especiais de vixilancia. A primeira, de detección de drogas e alcol, terá lugar o 14 ao 20 de xullo; e a segunda, de control de velocidade, será do 4 ao 10 de agosto.

PEÓNS E MOTORISTAS

En canto ao sector vulnerable, o delegado destacou a presenza "moi significativa" de peóns e motoristas nos sinistros viarios. "No que vai de ano, tres de cada dez persoas falecidas pertencían a este colectivo", especificou. Por este motivo, desenvolveranse campañas e accións preventivas específicas para motoristas e peóns.

Tamén se intensificará a vixilancia nos "momentos clave" do verán, entre outros, "fins de semana, cambios de quincena ou de mes e as pontes do 25 de xullo e 15 de agosto", concretou.

Arquivo - Desprazamentos por estrada. Carlos Luján - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Desprazamentos por estrada. Carlos Luján - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta