Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/07/2025 | Actualizada ás 13:49
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, celebrou o nomeamento de Miguel Tellado como novo secretario xeral do PP, á espera da súa confirmación no congreso do partido esta fin de semana. Rueda destacou a "gran conexión" entre Tellado e Alberto Núñez Feijóo, algo que considera "fundamental", e lembrou que o político ferrolán o sucedeu como secretario xeral do PPdeG no 2016, destacando que mellorou o seu labor e foi "un gran secretario xeral".
Rueda tamén tivo palabras de agradecemento para Cuca Gamarra, á que recoñeceu o seu traballo nun momento "difícil" para o partido. Valorou positivamente que Tellado asuma o cargo pola súa eficacia demostrada tanto en Galicia como no Congreso dos Deputados, e asegurou que o PPdeG se sentirá "especialmente cómodo" coa súa elección, "por moitísimas razóns".
Na mesma liña, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, expresou nas redes sociais a súa satisfacción polo nomeamento de Tellado, a quen definiu como "un gran amigo" e "un gran profesional". Subliñou que compartiron “moitas batallas xuntos” e considerouno a persoa idónea para acompañar a Feijóo na tarefa de liderar o camiño do PP cara ao Goberno de España. "En Galicia e no PPdeG estamos felices e orgullosos", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.