Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 11/07/2025 | Actualizada ás 22:00
En Galicia, a verbena non é só unha festa: é unha institución cultural, unha escola de música, un punto de encontro veciñal, un termómetro da identidade popular. Ao longo de décadas, as orquestras galegas --formacións profesionais con músicos en vivo, moitas delas cunha traxectoria que supera os vinte, trinta, corenta e ata cincuenta anos-- foron parte esencial da vida das parroquias. Sen embargo, hoxe, ese tecido musical e social atópase, segundo denuncian os seus propios protagonistas, ante un proceso de desmantelamento que podería ser irreversible. O auxe de festivais --moitos deles financiados con fondos públicos a pesar de tratarse de iniciativas privadas-- está a provocar un efecto dominó que ameaza directamente a continuidade das festas parroquiais. Moitas comarcas xa auguran a desaparición das súas celebracións tradicionais, pois non son quen de competir con estes eventos.
"Non é que esteamos nunha crise coma a que atravesamos pola pandemia: isto é outra cousa, isto é unha estocada programada", resume Víctor Antón, propietario de Gaiás Eventos, a empresa con máis orquestras activas de Galicia, con sede fiscal en Pontevedra e 65 formacións musicais profesionais en carteira --entre elas, a París de Noia--. O seu diagnóstico é directo: "O que hai agora é unha contraprogramación contra a tradición, estamos falando de festivais privados financiados moitos deles con cartos públicos que están aniquilando as nosas verbenas". Segundo apunta, os cartos públicos están fluíndo maioritariamente cara grandes concertos e festivais que, alén de competir directamente cos festexos parroquiais, están provocando a súa desaparición en moitas comarcas.
Pero máis aló da indignación pola competencia desleal que denuncia, o que preocupa ao responsable de Gaiás Eventos é a sustentabilidade e pervivencia futura do sector. "Dos meus músicos, hai uns 100 que viven en Pontevedra capital e pagan aquí os seus impostos, pero para eles, para nós, non hai un céntimo: nin subvencións, nin axudas, nin recoñecemento", lamenta, contrapoñendo esta situación con que, "mentres tanto, os cartos públicos destínanse a eventos privados que nin sequera deixan retorno no territorio". Esta referencia ao "retorno" é clave. Porque cada vez que se negocia con administracións públicas, afirma Antón, apélase a ese concepto para xustificar o gasto: "Din que os festivais atraen moita xente... E eu pregunto: e as nosas orquestras non? Saben os milleiros de persoas que se moven cada fin de semana para ir ás festas? Iso non conta como retorno?".
AS FESTAS E MÚSICOS QUE DESAPARECEN: TRABAS ADMINISTRATIVAS FRONTE AO VOLUNTARISMO DAS COMISIÓNS
Hai ademais outro dano colateral de todo isto, segundo relata: a anulación de festas enteiras ou de días concretos por falta de público. "Temos o caso de Figueirido, esta mesma fin de semana, unha parroquia ao ladiño de Pontevedra que tiña tres días de festa programados por San Bieito, despois de estar recadando e esforzándose todo o ano, traballando a reo", conta. Lamentablemente, "de súpeto, a menos dun quilómetro de distancia, aparecéronlles festivais e tiveron que cancelar un día de festa porque sabían que non ían ter xente". "Como compites con iso? Así non hai quen aguante, porque cando hai grandes festivais as festas da comarca enteira onde se organizan baléiranse de xente", afirma o propietario de Gaiás Eventos.
Así mesmo, Víctor Antón tamén sinala as trabas administrativas como outro dos factores que están afogando ás comisións de festas, moitas delas xestionadas por veciños de xeito totalmente desinteresado. Lonxe de axudalas, "ás comisións só se lles poñen paus nas rodas". E así as cousas, advirte dunha situación límite para as nosas orquestras e festas tradicionais: "As orquestras están desaparecendo, agora apenas quedamos 40 e moitas foron caendo polo camiño, e con elas moitos postos de traballo". Por exemplo, sinala aos instrumentistas de vento, moitos deles formados en conservatorios. "As orquestras eran a súa saída profesional, onde van ir agora eses rapaces?", pregúntase.
OS MACROFESTIVAIS PODEN REMATAR COAS FESTAS TRADICIONAIS DAS PEQUENAS VILAS E ALDEAS GALEGAS
Para facer fronte a esta situación, estase poñendo en marcha a asociación OTAVI (Organización de Orquestras Profesionais con Músicos en Vivo de Galicia) para abrir unha vía de diálogo coa administración galega. "Somos profesionais, somos galegos, pagamos impostos aquí, vivimos aquí, temos aos traballadores de alta todo o ano... Por que se nos ignora?", cuestiona Víctor Antón. E amósase claro ao respecto do que está acontecendo: "Un festival que atrae a 10.000 persoas a un punto concreto baleira todo o que hai nun radio de 100 quilómetros, senón máis, como imos competir con iso?".
Mentres tanto, as grandes formacións galegas fican fóra das programacións dos seus propios concellos. Ante esta situación de difícil solución se as administracións non se implican, remata cunha reflexión clara e rotunda: "Se isto pasara con Ence ou con calquera empresa grande, tomaríanse medidas, pero como somos orquestras, semella que non existimos". "Están aniquilando un sector enteiro, e esta cruzada non é só contra nós: é contra a cultura popular, contra as parroquias e contra a identidade de Galicia", conclúe o propietario de Gaiás Eventos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.