Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2025 | Actualizada ás 12:29
O deputado do BNG, Néstor Rego, instou este mércores ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a actuar con "absoluta contundencia" contra a corrupción, "afecte a quen afecte e caia quen caia", durante a comparecencia do líder socialista no Congreso para dar conta dos casos que afectan ao seu partido. Rego advertiu que o BNG non é "socio do PSOE nin ten un acordo de lexislatura", e que cada incumprimento do Goberno supón "unha decepción máis". Ademais, lembrou que hai un ano xa presentaran propostas de rexeneración democrática tras o ‘caso Koldo’ e que, desde entón, “non fixeron absolutamente nada”.
Rego tamén aproveitou a súa intervención para denunciar que a corrupción está "intrinsecamente ligada" ao sistema político e económico do Estado español desde a Transición, cun vínculo estreito entre os grandes poderes empresariais e os partidos de goberno, como PP e PSOE. Criticou que nunca se atallara este problema "de raíz", e apuntou directamente a empresas como Acciona, que —di— "se benefician da corrupción e se converteron en auténticas máquinas de succionar diñeiro público", nun contexto de portas xiratorias que involucran expresidentes como Aznar e Felipe González.
Aínda que deixou claro que o BNG "nunca apoiará un Goberno do PP", Rego advertiu que non darán tampouco "unha carta branca" a Pedro Sánchez. Esixiu que se cumpran os acordos asinados, especialmente os que afectan a Galicia, e reclamou "políticas valentes e transformadoras" que respondan ás demandas da cidadanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.