Rueda defende o acordo PP-DO para os orzamentos de Ourense: "é unha decisión acertada"

A portavoz do grupo municipal do PP, Ana Méndez, fixo fincapé en que, "aínda que estes non son os orzamentos que presentaría o PP se gobernase", o grupo optou por exercer unha oposición "útil e responsable"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2025 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense celebrou este venres unha rolda de prensa para explicar o acordo alcanzado co goberno local en relación cos orzamentos do Concello para 2025. Neste sentido, os populares celebraron que grazas a este acordo se introduciron "melloras clave" e insistiron en que "non están aquí para bloquear, senón para avanzar".

En concreto, a portavoz popular, Ana Méndez, destacou que se incorporaron propostas do PP "tanto nos propios orzamentos como nunha modificación de crédito que se debaterá no mesmo pleno". Segundo debullou, "como resultado deste acordo o PP decidiu retirar as súas emendas, ao entender que a súa pegada xa se reflectía nas contas a través llas súas propostas incorporadas".

A portavoz explicou que "un dos alicerces" deste acordo foi o ámbito social, nesta liña, destacou que o PP impulsou o incremento da partida de emerxencia social, "que pasa así de 320.000 a 800.000 euros".

Doutra banda, incidiu en que se incrementa en 353.500 euros a partida para "saldar débedas con entidades sociais correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2024" e se pactaron convenios nominativos con organizacións como Cáritas, Cruz Vermella, AFAOR, Banco de Alimentos ou a Asociación Española contra o Cancro.

Noutra orde de asuntos, o PP ourensán tamén destacou o reforzo da partida para reparar vías públicas, que ascende a 1.266.000 euros; "o dobre investimento" para manter zonas verdes, "pasando dun a dous millóns"; ou o investimento en centros educativos, "cuadriplicada ata os 450.000 euros", entre outras.

"Tamén pechamos un compromiso político co goberno local para executar actuacións concretas tanto na cidade como no perímetro rural. Sabemos que Ourense necesita actuacións urxentes tamén no rural, conseguimos que se contemplen obras moi demandadas polos veciños e que levaban anos esperando", engadiu Méndez.

Con todo, a portavoz popular fixo fincapé en que, "aínda que estes non son os orzamentos que presentaría o PP se gobernase", o grupo optou por exercer unha oposición "útil e responsable".

PP Ourense. PP
PP Ourense. PP | Fonte: Europa Press

RUEDA A FAVOR DA DECISIÓN DO PP DE OURENSE

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que ve "unha decisión acertada" o acordo entre o Grupo Municipal do PP de Ourense e o Goberno local, liderado por Gonzalo Pérez Jacome (D.O.), para absterse e facilitar a aprobación dos orzamentos da cidade das Burgas.

A preguntas dos medios nun acto na capital ourensá, o presidente dos populares galegos defendeu que o orzamento incorpora "moitas das sugestiones" realizadas polo PP local, "pensando en melloras na cidade e nos veciños".

Por iso, insistiu en que están para "traballar e favorecer que as administracións fagan cousas" e, neste contexto, asegurou que "se se incorporan as cousas que se pediron" a postura dos populares de Ourense é "lóxica" e "acertada".

Nesta liña, Alfonso Rueda sostivo que cre "moito" nos orzamentos, fronte aos que queren "facer crer que dá igual telos que non". "Se hai orzamentos e execútanse hai unha enorme diferenza entre facer as cousas ben e non poder facelas", manifestou.

ENTRADA NO GOBERNO LOCAL

Así mesmo, preguntado sobre voces dentro do partido que defenden entrar no goberno local, Rueda recoñeceu non ter "todos os datos" para saber "exactamente como está ese tema". En todo caso, reiterou que o acordo para as contas foi unha decisión do Grupo Municipal.

E é que, segundo argumentou o líder do PPdeG, alí onde lles toca ser oposición non están "para impedir que se faga nada" ou para que "todo funcione mal", senón para tratar de, coas súas achegas, facer que "as cousas funcionan mellor" e "mellorar a realidade nos orzamentos".

En definitiva, afirmou que un "pacto con estabilidade" no consistorio local débeno decidir "os compañeiros de Ourense". "Non me corresponde a min, nin é Santiago quen toma estas decisións, pódollo asegurar", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta