Miranda bota en falta "contacto sobre o terreo" durante a visita a Galicia do comisario de Pesca da UE, Costas Kadis

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou: "Estamos ameazados por unha macrocelulosa, e os fondos europeos poden ir para unha macrocelulosa no canto de ir para o marisqueo, que se está devaluando e que se está perdendo precisamente por problemas de contaminación"

Por E.P. | VIGO | 11/07/2025 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamentou este venres que a visita do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, á cidade de Vigo, centrouse en "reunións en despachos" e faltase "máis contacto directo sobre o terreo" con colectivos como as mariscadoras ou as 'redeiras', contacto coa Comisión de Pesca do Parlamento galego ou con representantes da sociedade civil, así como visitas a zonas de produción máis aló da cidade olívica.

En declaracións aos medios, Miranda tamén subliñou a importancia de que o comisario europeo coñeza sobre o terreo as consecuencias da implantación do proxecto de Altri en Galicia. "Estamos ameazados por unha macrocelulosa, e os fondos europeos poden ir para unha macrocelulosa no canto de ir para o marisqueo, que se está devaluando e que se está perdendo precisamente por problemas de contaminación", sinalou a europarlamentaria nacionalista.

Para Ana Miranda, á visita do comisario (que continúa este venres) fáltalle unha reunión coa Comisión de Pesca da cámara autonómica, que lexisla en materia de pesca e traslada tamén as súas propostas a Bruxelas. "Parece que houbo un pouco de blindaxe política para que non se reunise cos representantes do pobo galego (...) E iso consideramos que foi un erro", sentenciou e engadiu que "non pode ser que veña simplemente a facer reunións de despachos e que logo iso non teña unha consecuencia en fondos, en recoñecemento, e non en multas e en afectación como son as vedas".

Por outra banda, subliñou que esta visita "tiña que servir para que Galicia sexa por fin considerada como zona altamente dependente da pesca". "Se o comisario, despois das reunións que ten estes días, as problemáticas que temos, as vedas decididas por Bruxelas que temos, de todas as afectacións que teñen as Rías, por cambio climático, polas importacións de terceiros países, ... se non ve que Galicia teña que ser unha zona altamente dependente da pesca, a visita non serviu para nada", advertiu.

Segundo avanzou, o BNG seguirá traballando despois desta visita para lograr esa consideración e entregará ao comisario un documento cos argumentos polos que Galicia debe ser declarada zona altamente dependente da pesca.

Con respecto a Altri, Ana Miranda insistiu en que esa "ameaza" segue presente pola acción do goberno de Rueda, e incidiu en que a instalación da planta "pode afectar á ría máis produtiva de toda Europa, que é a Arousa".

PLATAFORMA ULLOA VIVA

Ana Miranda estivo acompañada por membros da Plataforma Ulloa Viva, como o seu presidente, Juan Pedro Sánchez, ou Sergio Núñez, que explicaron que pretenden trasladar a situación da ría de Arousa ao comisario e o impacto que terá Altri en toda a conca do río Ulla. "Queremos trasladarlle que o proxecto Gama é totalmente pernicioso, para o tecido socioeconómico do país e da Ría de Arousa", explicou Sergio Núñez.

"Vimos cos compañeiros da Ría de Arousa, en unidade de acción, para explicarlle ao comisario que ten que atender esta petición", apuntou.

Juan Pedro Sánchez remarcou que a plataforma actúa "como unha rede" que non só se refire ao río, senón a toda a súa contorna. "O desexo é que nos atenda e a esperanza é que Altri non se constitúa", explicaron desde Ulloa Viva, e engadiron que trasladarán a Costas Kadis toda a información de que dispoñen para que sexa tida en conta á hora de tomar decisións.

A eurodeputada do BNG, Ana  Miranda, atende aos medios en Vigo, a 11 de xullo de 2025.. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, atende aos medios en Vigo, a 11 de xullo de 2025.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta