(Vídeo) Praias paradisiacas en Galicia: un refuxio de lembranzas en perigo de masificación

Un convite ao silencio, á memoria e á delicadeza que loita por sobrevivir entre a calma do mar e a sombre dos piñeiros e palmeiras. Un recuncho da nosa costa que xa non pode agocharse do ruído, pero que segue agardando respecto.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 03/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Só uns metros de area ao ancho e, sen embargo, que mundo! Ao lonxe, a silueta suave dunha illa fúndese coa liña do horizonte. Os barcos fondeados semellan durmidos sobre a pel da auga, que ás veces vólvese espello e ás veces coitelo de luz. Aquí, neste recuncho da costa arousana, o mar entra sen présa, coma quen non quere molestar, e estírase mansamente nun remanso que semella creado adrede para a contemplación. Non é unha praia de postal ao uso. Non ten cantís teatrais nin ondas que resoen na rocha. O seu é outra cousa: a tenrura do cotiá, a beleza sen aspaventos, a calma que semella doutro tempo. O lugar semella convidar ao paseo lento, coma se o reloxo deixara de contar aquí.

Unha praia das Rías Baixas que merece fama, pero tamén respecto
Unha praia das Rías Baixas que merece fama, pero tamén respecto | Fonte: GC

E, sen embargo, cóntao todo. Pois o reloxo pasou tamén por este lugar. Cada verán, a estampa muda. Os ocos que antes ocupaban as toallas solitarias énchense de sombrillas en perfecta formación. A beira do mar convértese en fronteira de corpos que buscan desesperadamente un oco, un espazo, aire. Hai coches aliñados nas rúas de acceso e mesmo onde remata a liña de area, vendedores ambulantes con xeados derretidos... A beleza segue aí, por suposto, pero cada vez costa máis atopala entre o ruído. Coma se o paraíso fose detectado por algún radar turístico e xa non puidera agocharse.

Hai algo inxusto en escribir sobre este lugar. Algo contradictorio. Porque nomealo, sinalalo, aínda que sexa sen nombralo, é contribuír ao asedio, pero tamén sería inxusto non falar del, non deixar constancia do que foi e, en parte, segue sendo. Este recuncho atópase nunha das vilas turísticas das Rías Baixas, de aí que pague un prezo caro. E precisa coidado e silencio, non promoción turística. A praia ábrese ao visitante como o faría unha conversa íntima: con matices, con detalles que só se revelan se un queda un rato longo. A auga, limpa e tranquila, permite ver o fondo mesmo dende a beira. Tamén é habitual ver a mariscadoras faenar na preamar, recortando a súa silueta sobre as láminas de auga. E hai familias locais que seguen vindo aquí, a pesar de todo, porque lles segue a parecer un lugar seu, como verdadeiramente o é.

CARACTERÍSTICAS

  • Lonxitude: Un tramo principal de 500 metros, que se alonga ata 3 quilómetros seguindo recunchos e curvas suaves.
  • Anchura: Uns 8 metros na zona central, que medran cando a marea se retira.
  • Composición: Area granulada e clara, salpicada de rochas e pequenas charcas mariñas.
  • Augas: Calmas, transparentes, ideais para baños longos e tranquilos.
  • Contorna: Semiurbana, con vexetación natural e construcións próximas.

UN LUGAR QUE NON PRECISA MÁIS VISITANTES, SENÓN MÁIS CONCIENCIA

A sombra dos piñeiros e palmeiras nas horas centrais do día é un agasallo. Como tamén o é o bar con terraza onde resoan cancións dos anos 80, o camiño que una area e céspede, a maneira en que o sol se agocha detrás da arboreda como se lle dera vergoña marchar. Aquí os días rematan sen balbordo, ou alo menos inténtano. O solpor chega sen querer destacar, sen selfies. Na súa perfección agóchase tamén o risco da perda. Os lugares coma este deberían ter o dereito ao anonimato. Deberían poder pasar desapercibidos, protexidos pola bruma das lembranzas e polo boca a boca discreto de quen os coñecen dende sempre. Son praias que non queren fama: queren respecto. Non buscan saír en folletos nin en rankings. Só piden que as deixen ser o que foron: un refuxio sinxelo e próximo, onde o extraordinario era a naturalidade de todo.

Por iso nós tampouco diremos o seu nome. Porque se algo aprendemos nos últimos anos é que mesmo os tesouros máis humildes poden desbordarse. Que o turismo tamén desgasta o que toca con amor. Que hai paisaxes que non precisan máis visitantes, senón máis conciencia. Esta praia non quere cámaras, quere menos ruído. E quizáis, só quizáis, quere que a lembremos como se lembran as cousas que de verdade importan: sen ter que compartilas con milleiros de persoas.

CLAVES DO SEU ENCANTO

  • A serenidade das augas: un mar quedo, sen présa, que permite escoitar o silencio mentres os pés se afunden na area.
  • As charcas naturais: cando baixa a marea, aparecen pequenas pozas onde os nenos buscan vida e os maiores atopan lembranzas.
  • O equilibrio: nin salvaxe nin urbana, un espazo onde o verde e o azul se mesturan co día a día dos veciños.
  • A luz do serán: as postas de sol aquí son lentas, doces, cun brillo dourado que se deita sobre a auga.
  • O sabor da memoria: é desas praias que parecen gardar veráns enteiros, con arrecendo a bocadillo, protector solar e primeira liberdade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta