Grandes propostas musicais e Mostra do Mel nas Festas de Quiroga

Cinco intensas xornadas que comenzarán este xoves, 7 de agosto, e rematarán o día 11 con actuacións tan destacadas como Roy Casal, Luar na Lubre, a orquestra Panorama; ou grupos como Assia, América e o local Mario Colomán & The Clocks Band. O día 10 celebrarase a XXXIV edición da Mostra do Mel.

Por Galicia Confidencial | Quiroga | 07/08/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

As festas de verán de Quiroga preséntanse este ano cunha ampla oferta musical, atraccións e propostas para o público cativo e a celebración da XXXIV Mostra do Mel o día 10 coincidindo coa primeira feira mensual do mes.

Manuel Rodríguez Fernández, apicultor de Centeais. Foto: XMF.
Manuel Rodríguez Fernández, apicultor de Centeais. Foto: XMF.

Este xoves 7 de agosto ábrese o telón cun concerto do grupo local, Mario Colomán & The Clocks Band, ás once da noite na praza España. Espazo este que acollerá a continuación a disco móbil Eme Music.

O venres 8 haberá espectáculo de teatro para público infantil e familiar “A nena lentella”, a cargo de Olga Abad e ás once da noite na praza España actuará o músico, compositor e cantante galego, Roi Casal. Este artista galego formou parte do grupo Milladoiro, e xa se achegou ata Quiroga dende que comezou a súa carreira en solitario presentando o seu Álbum “Son Galego, Son Cubano”. Pasada a media noite, o grupo Assia, un cuarteto asturiano que repite en Quiroga tralo éxito das pasadas festas de verán, actuará na rúa Real.

O sábado, 9 de agosto, pola mañá, na praza do Auditorio haberá sesión de maxia, co Mago Antón. O lucense achégase ata Quiroga para celebrar os 50 años de maxia co seu espectáculo "Mil maxias máis" que ofrecerá dentro do remolque do seu trailer con varios pases ao longo do día.  Pola noite, a partir das once na praza España estará o senlleiro grupo de folk Luar Na Lubre, o máis internacional do folk en Galicia que presenta “Luar Na Lubre XX.Encrucillada”. Un concerto con algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio nos seus 40 anos de historia. Ao remate, Conductores Suicidas, un grupo tributo a Joaquí Sabina completará a noite musical. Oito músicos enriba do escenario para homenaxear as cancións do artista no espectáculo máis respectuoso e fiel no que se mostrará un show reflexo dos directos de Sabina, recorrendo todas as etapas da súa carreira.

MOSTRA DO MEL DE QUIROGA

Orquestra Panorama en Calo, Teo (Ames).
Orquestra Panorama en Calo, Teo (Ames).

O domingo día dez celebrarase a XXXIV Mostra do Mel. O recinto feiral, no que se poderá adquirir mel das diferentes subzonas de Quiroga coas súas variedades específicas, abrirá ás once da mañá. A edición deste ano contará con 8 apicultores que chegan dende diferentes parroquias do Concello de Quiroga, como por exemplo, Paradapiñol, Montefurado ou Outeiro. 

“Desaustronauts” animará a xornada para público familiar co seu “Circo Doble Espresso”, un espectáculo de circo áxil, divertido e moi habilidoso, no que os artistas circenses Raquel e Girisho usan o trapecio, tea aérea, hula hoops e… moito máis.

Para animar o vermú chega o grupo NoAllKansas cos éxitos máis emblemáticos das décadas dos 70, 80 e 90 cun toque moderno. E para rematar a xornada do domingo, no aparcamento do CEIP de Quiroga actuará a orquestra Panorama co seu espectáculo Epic Tour 2025.

FIN DE FESTA

O luns día 11, derradeiro día dos festexos, tirada de fogos artificiais dende a Praza de España, para rematar coa actuación do grupo América.

Para a elaboración deste amplo programa o Concello de Quiroga conta coa axuda económica da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Plan Deputación 2025.

Actuación de Luar na Lubre nun dos seus concertos. CONCELLO DE LEÓN
Actuación de Luar na Lubre nun dos seus concertos. CONCELLO DE LEÓN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta