Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2025 | Actualizada ás 20:48
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) demandou declarar Lugar de Memoria Democrática o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón nun comuniado no que denuncia que o Estado eliminou " a previsión" de acometer este procedemento, algo que rexeitaron desde a Delegación do Goberno que afirman que proximamente se publicará no Boletín Oficial do Estado (BOE) a incoación dos expedientes.
En concreto, a CRMH sinala que o pasado 15 de xullo de 2024 esta entidade presentou solicitude para a declaración como tal do Pazo de Meirás, en nome de case 30 asociacións memorialistas coordinadas baixo a Iniciativa Galega pola Memoria. Á súa vez, a asociación Vagalumes fixo o propio respecto da Illa de San Simón. Engade que en xaneiro deste ano o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática presentaba o programa 'España en Liberdade. 50 anos', "onde se fixo público como actividade destacada para o mes de agosto a declaración do Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria Democrática".
Con todo, sostén que ditas actividades "foron eliminadas da programación, sendo substituídas pola declaración doutros Lugares, todos eles fóra de Galicia". Frentre a iso, desde a Delegación do Goberno en Galicia sosteñen que "é totalmente falso que o Goberno elimine o Pazo de Meirás e San Simón da previsión da declaración de Lugares de Memoria Democrática". "Está previsto e pendente de publicar no Boletín Oficial do Estado, en próximas datas, a incoación dos expedientes de lugar de memoria, o feito de que non aparezan na programación de actos de agosto non significa que non se vaian a facer". "De feito incoaranse en setembro", apostila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.