Un galego de récords

O coruñés Mauro Triana repite ouro nos 200 metros do campionato de España promesa cunha marca de 21,07 segundos, batendo o récord galego máis antigo, con 33 anos de historia. O sábado converterase no primeiro galego en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/06/2016 | Actualizada ás 08:26

Comparte esta noticia

Fin de semana espectacular para Mauro Triana. O sábado, dous récords consecutivos nos 100 metros lisos para ser o primeiro galego na historia en baixar dos 10.50. E o domingo, nova proeza nos 200 metros, batendo por cinco centésimas un récord que tiña 33 anos de antigüidade. Total, dous ouros para o galego no Campionato de España promesa celebrado en Toledo, que lle serven para afianzarse de cheo na elite da velocidade estatal.

O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos.
O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos. | Fonte: atletismogalego.com

O coruñés Mauro Triana parou o crono na final dos 200 metros lisos en 21.07 segundos, superando deste xeito os 21.12 que acadara en 1983 Isidoro Hornillos, actual presidente da Federación Galega de Atletismo e candidato á presidencia da Federación Española. Antes, na semifinal, fixera un rexistro de 21.80 nunha carreira na que se trataba de dosificar esforzos cara a final. Cando o reloxo marcaba as 19.20 horas, deuse a saída a gran final, na que pola rúa catro o coruñés, moi seguro das súas posibilidades, parou o reloxo neses 21.07 segundos, batendo o récord con máis anos do ranking galego absoluto masculino. Era, ademáis, a súa segunda medalla de ouro na fin de semana.

Levaba xa tempo Mauro Triana avisando das súas posibilidades. O discípulo de José Carlos Tuñas, fichado esta tempada polo Playas de Castellón, amosa unha espectacular progresión nas últimas tempadas, que o levaron na actual campaña á internacionalidade e á participación coa selección española nos Xogos do Mediterráneo, onde acadou unha medalla no relevo 4x100. Precisamente, co 4x100 español, Triana podería participar o vindeiro mes no Europeo absoluto que se disputa en Amsterdam.

O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos.
O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos. | Fonte: atletismogalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta