A Volta abandona terras galegas cunha protesta Propalestina no Barco de Valdeorras

A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina concentrouse fronte ao Hospital Comarcal durante o inicio da etapa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2025 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

A 17ª etapa da Volta Ciclista a España, que partiu este mércores do Barco de Valdeorras, celebrouse sen incidentes graves, aínda que coincidiu cunha protesta fronte ao Hospital Comarcal convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina. A saída produciuse con normalidade ás 13.30 horas desde o Parque do Malecón, rumbo ao Bierzo, e contou coa presenza do alcalde Aurentino Alonso e do presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor.

Concentración de apoio á causa palestina en Vigo, a 21 de agosto de 2024
Concentración de apoio á causa palestina en Vigo, a 21 de agosto de 2024 | Fonte: CIG VIGO

Segundo explicou o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o evento contou cun dispositivo habitual da Garda Civil e Policía Nacional para garantir a seguridade de ciclistas e público. Ao mesmo tempo, subliñou a importancia de respectar o dereito á manifestación da cidadanía ante o conflito en Gaza, procurando "combinar perfectamente" a seguridade coa liberdade de expresión.

Esta mobilización súmase a outras protestas desenvolvidas en Galicia durante o paso da Volta. O domingo houbera 10 detidos no Corgo e Monforte de Lemos, entre eles unha representante do BNG, e o martes preto dun milleiro de persoas bloquearan a etapa en Mos, obrigando a suspender o percorrido 8 quilómetros antes da meta prevista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta