A maxistrada de Menores afirma que ataques como o de Monforte son "infundados e perigosos"

Asegura que só o 4% dos delitos de menores son cometidos por estranxeiros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2025 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Menores número 1 de Las Palmas de Gran Canaria, Reyes Martel, cualificou de “arranques de violencia infundados e perigosos” os ataques como o acontecido a pasada fin de semana contra o futuro centro de menores migrantes de Monforte de Lemos. A xuíza estivo este luns en Santiago para presentar a última etapa da iniciativa Camiño de Valores, parte do proxecto de integración social UP2Ou Project - Depende de Ti, que ela mesma fundou.

Interior do edificio que albergará o centro da Xunta para menores migrantes, a 20 de setembro de 2025, en Monforte de Lemos, Lugo, Galicia (España). Foto de Arquivo. Carlos Castro - Europa Press
Interior do edificio que albergará o centro da Xunta para menores migrantes, a 20 de setembro de 2025, en Monforte de Lemos, Lugo, Galicia (España). Foto de Arquivo. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Martel lembrou que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), só o 4% dos delitos cometidos por menores corresponden a estranxeiros, unha cifra que “convida á reflexión”. Neste sentido, advertiu que “non hai que fomentar a idea de que a culpa de todo téñena estes mozos e mozas, porque non é verdade” e insistiu en que estes temas deben tratarse “con moito coidado”.

A xuíza, que rexeita o uso do termo “mena” por consideralo despectivo, subliñou que os delitos cometidos polos menores migrantes “non son precisamente os máis graves” e, nunha porcentaxe moi elevada, prodúcense no ámbito dos fogares de protección. No caso de comunidades como Canarias, denunciou que estes centros se atopan “completamente hacinados” e sen capacidade para unha intervención educativa real.

Por último, Martel advertiu de que a falta de medios e de educadores dificulta a integración dos menores, moitos deles de países e linguas diferentes, que son concentrados nos mesmos fogares superando amplamente os recursos dispoñibles. “É un descontrol total desde o punto de vista de onde inserilos”, afirmou, ao tempo que defendeu que a solución non pasa polo Código Penal, senón por reforzar o sistema de xustiza xuvenil con máis apoio social e educativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta