A galega Sandra Garrido, en folga de fame tras ser arrestada por Israel, chega a España este luns

Hai outros 22 activistas da misión en folga. O outro galego xa tería chegado no avión que aterrou o domingo en Barajas.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 06/10/2025 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

A Global Sumud Flotilla informou nas últimas horas do domingo de que hai polo menos 22 activistas da misión en folga de fame, incluída a galega Sandra Garrido, mentres se atopan retidos polas autoridades israelís tras ser interceptados en augas internacionais entre o 1 e o 2 de outubro.  Con todo, a galega chegará este luns a España tras ser repatriada. "Están razoablemente ben e emocionados de regresar a casa", di a organización da flotilla.

Sandra Garrido, participante na flotilla de apoio a Gaza, entre os interceptados por Israel, e agora, en folga de fame
Sandra Garrido, participante na flotilla de apoio a Gaza, entre os interceptados por Israel, e agora, en folga de fame | Fonte: GLOBAL SUMUD FLOTILLA

Respecto do outro galego, Manu López, a Global Sumud Flotilla informou de que el está entre os 21 cidadáns españois liberados que chegaron o domingo ao aeroporto de Barajas. Con todo, o patrón dun dos barcos da flotilla aínda non regresou a Galicia e "está sen teléfono, documentación e obxectos persoais", que foron incautados polas forzas israelís.

FOLGA

"Desde o inicio da súa intercepción en augas internacionais o 1 de outubro, decenas de participantes da GSF rexeitan ser alimentados pola mesma entidade que perpetra unha campaña de fame negra xenocida contra millóns de palestinos en Gaza", publicou a flotilla nunha mensaxe na súa conta en Telegram.

Na listaxe hai activistas de varias nacionalidades: australianos, austriacos, brasileiros, finlandeses, franceses, gregos, irlandeses, italianos, holandeses, suízos, turcos británicos e estadounidenses, así como seis españois. En concreto menciona a Alejandra Martínez Velasco, a Ana María Martín López, a Simón Francisco Vidal Ferrandis, a Lluis de Moner Mayans e a Sandra Garrido Fernández.

A flotilla destaca que "a non violencia non é pasividade" e pon en valor a "valentía" de "pór en risco o teu propio corpo para enfrontarse a unha inxustiza". Así, lembran a Jader Adnan preso palestino falecido o 2 de maio de 2023 tras 87 días en folga de fame nunha protesta polas condicións de encarceramento, así como ás "xeracións de palestinos que fixeron folga de fame".

O grupo lembra "a fame negra non é unha traxedia, senón unha política". "Desde outubro de 2023 Israel puxo en marcha unha campaña de fame negra total cortando os alimentos, a auga, a electricidade e o combustible mentres ataca os campos, aos agricultores e os convois de axuda que mantiñan viva á xente", reprocharon. En concreto sinalan que "se estende a fame negra e o 95 por cento das terras de cultivo quedaron destruídas" no enclave palestino, obxecto dunha ofensiva militar israelí desde o 7 de outubro de 2023.

DEPORTADA HOXE

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, anunciou que os 28 cidadáns do Estado que ían a bordo da Global Sumud Flotilla e que seguen retidos en Israel volverán ao longo deste luns a España, despois de que este domingo retornase un primeiro grupo de 21 cidadáns. Entre estes cidadáns estará a galega Sandra Garrido.

Nunha entrevista en 'Catalunya Ràdio', recollida por Europa Press, o xefe da diplomacia española detallou que falou coas familias dos 28 que seguen nunha prisión israelí para trasladarlles que durante este luns, "se non hai cambios de última hora", sairán de Israel con destino a España.

"Esa é a idea e iso é o que xa temos oficialmente confirmado con Israel", engadiu Albares, que no entanto pediu prudencia ata que "estean todos sentados no avión e co avión no aire", aínda que é previsible que hoxe chegue a chan español o grupo de 28 cidadáns españois restantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta