Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2025 | Actualizada ás 12:17
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que defendeu a actuación con "rigor" do Goberno galego no peche de dúas vivendas comunitarias de maiores situadas en Amoeiro e Xinzo tras detectar irregularidades.
O peche destas dúas casas de maiores nos últimos 15 días protagonizou o cara a cara entre Rueda e Pontón, quen lle preguntou a Rueda "cantos Amoeiros máis hai esperando a ver a luz?" e reclamou á Xunta que faga públicas as actas de inspección que, segundo denunciou, "o PP oculta á Cámara galega". Pola súa banda, Rueda subliñou que a Xunta de Galicia fai máis dun milleiro de inspeccións ao ano para velar polo benestar dos maiores e dixo que, no caso concreto de Amoeiro, "houbo varias inspeccións e requirimentos". "Como non se cumpriron, peche inmediato, actuando con contundencia", subliñou o presidente.
A XUNTA DEFENDE O SEU MODELO DE COIDADOS
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu o seu modelo de coidados para maiores, destacando que á Xunta non lle tremeu " a man" á hora de pechar aquelas residencias con deficiencias nos coidados, como os ourensáns de Amoeiro e Xinzo.
Así se expresou a conselleira este mércores durante o pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación formulada pola deputada do BNG, Olalla Rodil, sobre o modelo de coidados para os maiores e a modificación da normativa que regula os cocientes de usuarios por cada profesional de atención directa nos centros residenciais.
Rodil sinalou que o peche de residencias por deficiencias nos coidados, aínda que son "casos extremos", "evidencian as consecuencias de facer dun dereito fundamental, a vellez digna, un negocio lucrativo para un puñado de empresas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.