A Xunta anuncia un balance dos centros de crises 24 horas para fin de ano e o BNG denuncia ocultación de datos

"Calquera muller que sufra unha violación ou unha agresión sexual pedímoslle que denuncie, que teña a tranquilidade de que a Xunta vai estar ao seu lado", reivindicou Fabiola García

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2025 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou que a Xunta fará balance a final de ano da actividade nos centros de crises 24 horas para atención a vítimas de violencia sexual e o BNG acusou ao departamento autonómico de "ocultar" os datos.

Nunha resposta a unha interpelación na Cámara galega da deputada nacionalista Noa Presas, a responsable de Política Social avanzou que durante os primeiros meses os cinco centros activos en Galicia atenderon a máis de 300 mulleres.

En todo caso, insistiu en que presentarán un balance anual da actividade detallada de cada un dos centros, cun informe con todas as mulleres atendidas, intervencións psicolóxicas, xurídicas e as atencións psicolóxicas.

Mentres, tras cuestionar á Xunta na súa primeira intervención "que ocultan sobre a chapuza dos centros de crises", Noa Presas reafirmou que os nacionalistas non pararán ata contar coa información "desagregada" e ata convencelos de que estes centros "teñen que ser de xestión pública e directa".

"Non hai ocultación, nin opacidade, nin falta de transparencia, hai traballo e discreción", manifestou Fabiola García, que volveu a defender que a Xunta "está comprometida coa erradicación da violencia contra as mulleres".

DENUNCIAS AGRESIÓN SEXUAL

"Nunca cansarei de repetilo: calquera muller que sufra unha violación ou unha agresión sexual pedímoslle que denuncie, que teña a tranquilidade de que a Xunta vai estar ao seu lado", reivindicou a titular de Política Social.

A esta última afirmación respondeu Noa Presas, que reprochou á conselleira que as mulleres "poden contar coa Xunta ante unha denuncia por unha agresión sexual, a menos que o presunto agresor sexa alguén que sente no Consello da Xunta, que entón vai estar á beira de apoiar que non se fiscalice a filtración da identidade da vítima e de facer un panegírico público". Así, asegurou que o BNG seguirá denunciando que o caso Villares "foi unha vergoña".

Na súa quenda de réplica, Fabiola García, ademais de defender a xestión da Xunta en relación cos centros de crises, cuestionou o "feminismo do BNG", preguntando se o seu feminismo é "a lei do só si é si" ou "comprar pulseiras antimaltrato ás vítimas en Aliexpress". "É o feminismo que defenden?", reiterou para concluír afirmando que o BNG "apesta a machismo".

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nunha resposta nun pleno. Xunta de Galicia
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nunha resposta nun pleno. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta