VIGO | 26/07/2016 | Actualizada ás 17:29 por EUROPA PRESS
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou que, entre outubro deste ano e novembro de 2017, a Xunta impartirá, ademais da formación xa ofrecida, máis de 120 cursos nos portos de Galicia e a aula de seguridade de Ferrol, para o que destinará uns 800.000 euros cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.
Entre as temáticas, atópanse cursos de mariñeiro pescador, de patrón local de pesca, de operador do Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimo, formación básica de seguridade e formación sanitaria; así como cursos avanzados para a loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate (non rápidos).
Tras destacar que a Xunta destina este ano máis de 2,5 millóns a centros ensino náutico-pesqueira e accións formativas en portos, Quintana puxo en valor que nos últimos anos creceron "de forma importante as matrículas" nestas escolas e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura, cun aumento do 46% dende 2009, ata chegar a 4.400 alumnos en 2015.
A conselleira, xunto á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, informou acerca desta iniciativa este martes nas instalacións do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, onde puxo en relevo que se trata dun Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación dende 2015.
O Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo creouse en 1965 e nel impártese formación regulada e non regulada, para o que conta con aulas de debuxo, electricidade, redes, pneumática e hidráulica, simuladores de pesca, navegación, motores, seguridade, soldadura, torno e axuste, e caldeiraría. Ademais, ten á súa disposición o buque escola 'Valentín Paz Andrade'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.