Por Galicia Confidencial | Galicia | 12/05/2009 | Actualizada ás 08:50
Pero hai tres áreas sensibles do novo goberno que seguen vacantes a pesar da súa importancia estratéxica: Dirección Xeral de Cultura, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Secretaría Xeral de Comunicación. A pesar das numerosas sondaxes feitas, mesmo polo propio Feijóo, os resultados teñen sido infructuosos ata o momento.
E especialmente complicado está sendo para os conselleiros de Cultura e Educación atopar as persoas adecuadas para facerse coas áreas de Cultura e Lingua; as patatas quentes da nova Xunta. E é que o mundo da cultura e da ensinanza está en pé de guerra desde que o PPdeG utilizara como baza electoral a derogación do decreto do galego. Semella que xogar coa lingua neste país "é moi perigoso", tal e como apuntan nos mentideiros culturais do país.
Nestas semanas teñen sido moitas as persoas "tocadas", principalmente da órbita socialista e nacionalista, para levar as rendas da cultura e da lingua, pero ata o momento, todas teñen dito que non. O argumento é moi semellante en todos; non sentirse representados coas sensibilidades culturais e lingüísticas do novo goberno.
Roberto Varela, o novo conselleiro de Cultura, é o que máis problemas tivo para conformar equipo. E é que Varela foi unha das segundas opcións de Feijóo para este departamento logo das negativas de importantes persoeiros da cultura, como foi o caso de Ramón Villares. O novo conselleiro viña para xestionar a Cidade da Cultura e tivo que facerse coas rendas de todo o departamento. Ata o pasado xoves a estructura básica da súa consellería non estaba definida: os directores xerais de Patrimonio Cultural, Turismo e Xacobeo foron nomeados no Consello da Xunta do Xoves e no seu nomeamento ten moito que ver o PPdeG. Falta aínda nomear a quen vai dirixir a política cultural e tamén a quen vai xestionar a Cidade da Cultura, un tema que Feijóo evitou abordar durante o seu discurso de investidura e do que tenta fuxir nas distintas entrevistas feitas.
No caso de Política Lingüística atopar un candidato aínda vai ser moito máis difícil. Polo momento, ninguén quere facerse co que todos din que é un "marrón" e dende a Xunta xa están pensando nun perfil "máis político que académico" para que ocupe este posto.
Tamén hai dificultades para cubrir a Secretaría Xeral de Comunicación e a dirección xeral da CRTVG. Feijóo non atopa o perfil adecuado para levar as rendas da comunicación, a pesar de que candidatos non lle sobran. Para este posto teñen sonado desde Lois Blanco, Luis Pérez e mesmo Sánchez Izquierdo, que tamén rexeitou dirixir a CRTVG. Polo momento é a coordinadora de Comunicación da Executiva popular, Mar Sánchez, a encargada de dirixir as tarefas comunicativas da Xunta. Nesta situación, os populares temen que sexan os cargos nomeados polo anterior bipartito os encargados de pivotar os espazos electorais das vindeiras europeas, unha situación que incomoda a uns e a outros no ente público.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.