Angeliño, de Champions

O lateral esquerdo de Coristanco, con tan só 19 anos, debuta na Liga de Campións co Manchester City de Pep Guardiola na vitoria 1-0 fronte ao Steaua de Bucarest no Etihad Stadium. Ángel Tasende substituiu o ex-céltico Nolito no minuto 59.

Por gcdeportes | A Coruña | 25/08/2016 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O ano pasado, tralo seu paso cedido pola Major League Soccer, debutou con Manuel Pellegrini na FA Cup. No final do curso pasado, estrea coa Selección Galega en Riazor contra Venezuela. Neste comezo de tempada, debut na Champions da man de Pep Guardiola. Angeliño, con tan só 19 anos, vai queimando etapas no seu ascenso a élite do fútbol mundial.

Angeliño, no seu debut co City na Champions.
Angeliño, no seu debut co City na Champions. | Fonte: @ManCity

Coa eliminatoria sentenciada en Bucarest (0-5), o Machester City de Pep Guardiola tivo un partido de volta tranquilo (1-0) no Etihad Stadium para certificar o seu pase á fase de grupos. Dominou o Steaua na primeira metade, Fabian Delph marcou a pase de Jesús Navas no minuto 56 e Pep Guardiola deu entrada a dous xogadores novos da canteira dos Blues: Adarabioyo e Angeliño. O de Coristanco entrou no minuto 59 polo ex-céltico Nolito, no que supuxo o seu debut na Champions League.

Ángel Esmorís Tasende (Coristanco, 4 de xaneiro de 1997) principiou a xogar nas Escolas de fútbol Luis Calvo e marchou á canteira do MCity trala súa etapa cadete no Deportivo. Brillou nas categorías inferiores dos citizens, chegou a formar parte do 11 ideal da Champions Youth League e na pasada campaña saiu cedido ao New York City da Major League Soccer para xogar minutos a carón de David Villa, Lampard ou Andrea Pirlo.

De regreso en Manchester, o técnico chileno Manuel Pellegrini fíxoo debutar na FA Cup contra o Aston Villa en xaneiro. Nesta pretempada, Angeliño convenceu a Pep Guardiola para quedarse no primeiro equipo do City e agora lle chega o seu debut na Champions. O vindeiro chanzo, estrearse na Premier League. Ten tempo, xa que renovou cos Blues ata 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta