A galega Egatel presenta o seu sistema para protexer drons de ataques de piratas informáticos

A empresa mostrará o seu sistema de comunicación alternativo nas IV Xornadas 'Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais' que se celebran na Coruña, organizadas polo ITMATI e o CITIC.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2016 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

A principios de ano, os papeis de Eduard Snowden —quen revelou ao mundo o siostema de vixilancia mundial artellado polo Pentágono— revelaron que EEUU e Reino Unido piratearan drons militares de Israel para espiar a este país, o que deixou en evidencia a seguridade da súa tecnoloxía armamentística. "Uns dos puntos débiles destas aeronaves é o sistema de comunicacións coa base terrestre, que nos drons comerciais pode ser facilmente hakeable, xa que algúns mesmo utilizan directamente as redes wifi", explica Manuel Pozo. A súa empresa, a galega Egatel, está a desenvolver un sistema de comunicación alternativo baseado nas matemáticas que é "máis robusto fronte a interferencias e ataques" aos drons. Este é un dos exemplos exitosos de cooperación entre industria e investigación que se presentará nas IV Xornadas 'Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais' que se celebran este xoves e venres na Coruña. A primeira xornada, ademais, terá como atractivo engadido a posibilidade de ver in situ unha demo de voo de drons da man da tamén empresa galoega Avansig (ás 13:25 no DroneLab do Edificio CITIC 2).

Un dron voando
Un dron voando

O evento "ten a vocación de servir como punto de encontro entre empresas e organismos relacionados coa vixilancia e a defensa, e os científicos matemáticos que poden ofrecerlles solucións", explica Peregrina Quintela, directora do ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), unha das entidades coorganizadoras.

Como conta Manuel F. González, coordinador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), que é outro dos organizadores, é "moi importante garantir a seguridade, non só en aeroportos, estacións e instalacións, senón tamén en redes de transmisión e contornas cloud, na protección de información (big data), e mesmo en vehículos autónomos; o que pode ser vital para a protección". Para enfrontarse a iso, as tecnoloxías de computación terán gran relevancia, afirma.

Todos estes temas serán tratados ao longo catorce relatorios, entre as que destaca a encargada de dar o pistoletazo de saída, na que Antonio Juan González García, xefe do Programa SCOMBA (Sistemas de Combate da Armada) da Xefatura de Apoio Loxístico da Armada falará sobre os plans de I+D de Defensa nos que poden participar as universidades. Ademais, contará detalles do Programa que dirixe: un Sistema de combate que unifica as necesidades de mando e control a nivel táctico de todos os buques da Armada.

SEGURIDADE NO AIRE

Sobre seguridade en drons, Pozo explicará como se tenta dificultar que xente non autorizada poida captar o seu sinal utilizando técnicas matemáticas aplicadas á comunicación, como o deseño de algoritmos que permiten que emisor e receptor vaian saltando de maneira sincronizada dunha frecuencia a outra de transmisión. Froito da colaboración de Egatel coa startup Avansig, entre outras, presentarase, a principios do ano que vén, un prototipo de vehículo aéreo non tripulado (UAV, nas súas siglas en inglés) "seguro ante actos de piratería" destinado á vixilancia autónoma do interior de edificios.

Tamén de seguridade conversará Eduvigis Ortiz, Global Alliances & Innovation Director Cibersecurity de Prosegur, pero neste caso, da relacionada co intercambio e almacenamento de información na nube. Segundo o último informe da consultora estadounidense Gartner, ata 2020 o 95% dos fallos de ciberseguridade sufriranos as empresas que non tomen medidas preventivas. Para Ortiz, o motivo é claro: "A inxenua crenza de que os provedores de servizos na nube son totalmente responsables da seguridade dos seus clientes, o que fai que as empresas e organizacións non tomen medidas para evitar roubos de información".

En opinión de Ortiz, débese asumir que se produciu un cambio de escenario que esixe unha nova forma de abordar a seguridade. E as cifras respecto diso son rotundas: "O 60 por cento das empresas que para 2018 implementen ferramentas de visibilidade e control terán un terzo menos de fallos de seguridade". Neste aspecto, "as matemáticas teñen un papel esencial, xa que as solucións relacionadas con este ámbito están baseadas en algoritmos". 

CONTROL DO LIXO ESPACIAL

O pasado maio, o impacto dun minúsculo residuo de lixo espacial nunha das xanelas da cúpula da Estación Espacial Internacional (ISS) puxo de novo sobre a mesa un problema global: que todo o noso sistema de satélites do que dependen desde as comunicacións simples, ata a defensa nacional, está en risco permanente de chocar cos 17.000 obxectos artificiais que se estiman que orbitan ao redor da Terra (e eses son os de maior a 10 centímetros, os de menos contabilízanse por millóns). Tanta é a preocupación que suscita o lixo espacial que "o próximo gran proxecto espacial europeo será a procura, seguimento e catalogación destes fragmentos", conta Martín Dávila, capitán de navío e director do Real Instituto e Observatorio da Armada (ROIA).

A utilidade é evidente: coñecendo a súa traxectoria pódense anticipar cambios na órbita de satélites para evitar unha colisión. Martín conta como o ROIA se vai converter en 2018 nunha das poucas estacións láser no mundo, e a única en España, que se dedique a este mester. Ata agora, "só eramos capaces de divisar antigos satélites equipados con retrorreflectores pero, coas modificacións que estamos a implementar, poderemos tamén captar obxectos máis pequenos". Esta aposta demostra que este proxecto é "estratéxico para o país e para a defensa nacional", comenta.

Tamén o ROIA é protagonista doutro dos casos de éxito que se presentará nas Xornadas: "Grazas ao uso de algoritmos matemáticos e ao tratamento dos datos que se reciben dos diferentes satélites mediante técnicas de big data, o Observatorio é o encargado de calibrar as ligazóns usadas para a elaboración do tempo universal coordinado (UTC, nas súas siglas en inglés) -que é o principal estándar de tempo polo cal o mundo regula os reloxos e o tempo- de todos os Institutos Nacionais de Metroloxía europeos", explica Héctor Álvarez do ROIA.

Outros temas que se tratan ao longo do encontro profundan sobre o reto que supón en tema de seguridade na recompilación e tratamento de grandes cantidades de información (big data). Tamén, falarase das matemáticas que explican por que os materiais compostos de nanopartículas teñen propiedades distintas.

Ademais, haberá representantes de Hewlett Packard Enterprise, IBM e Emetel, entre outros; de organismos como o Estado Maior da Defensa e o Ministerio de Defensa; así como de ITMATI e CITIC, que comentarán casos concretos nos que as tecnoloxías matemáticas e de computación conseguen resolver problemas en cada un dos seus campos.

Esta cuarta edición das Xornadas está tamén coorganizada polo Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), e o grupo m2nica da Universidade dá Coruña —coa colaboración do Instituto Matemático Interdisciplinar IMI— da Universidade Complutense de Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta