SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2016 | Actualizada ás 12:03 por EUROPA PRESS
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG), realiza esta semana en Santiago de Compostela catro talleres prácticos sobre as súas liñas de investigación no ámbito das Ciencias Agrarias no que participará alumnado de 6º de Primaria de tres colexios de Santiago e Lavacolla.
En concreto, o alumnado corresponderá aos centros CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Lavacolla, e CPR Divino Mestre e CEIP Raíña Fabiola, de Santiago de Compostela.
Os talleres teñen lugar nas instalacións do IIAG e son o eixe dunha iniciativa de divulgación promovida por oitavo ano consecutivo por este organismo, 'Biodiversión'. Enmárcanse, ademais, no programa de actividades do CSIC para conmemorar en Galicia durante o mes de novembro a 'Semana da Ciencia'.
O obxectivo é achegar ao alumnado a I+D+i dende un punto de vista lúdico, incentivando, á vez, o interese científico a idades temperás e o fomento da experimentación.
Para iso, divídese o alumnado en catro grupos para realizar, a través de sinxelos experimentos e guiado por persoal científico e técnico do IIAG, talleres nos que extraen ADN dunha froita; coñecen cáles son os gases que producen o efecto invernadoiro e as emisións edáficas de CO2; avalían os efectos tóxicos de determinados compostos no proceso de xerminación, desenvolvemento e crecemento dunhas sementes de agrón e explícaselles en que consiste o cultivo in vitro de especies leñosas a través dunha práctica de preparación de medios de cultivo e multiplicación de exprantos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.