Felipe II quixo establecer un criadeiro de cabalos na antiga provincia de Mondoñedo no século XVI

Novas recollidas das actas municipais mindonienses polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da Universidade de Santiago dan conta da correspondencia entre a Coroa española e as autoridades locais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A relación secular de Mondoñedo co gando cabalar ven de ser corroborada polos investigadores do Centro de Estudos de Historia da Cidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) trala localización dunha serie de novas, datadas na segunda metade do século XVI e xa recollidas nas actas municipais do Concello mindoniense, nas que se alude ao interese da Coroa española por establecer un criadeiro de cabalos nesta provincia do Antigo Reino de Galicia.

Dúas reses equinas, nos montes mindonienses
Dúas reses equinas, nos montes mindonienses | Fonte: USC.

O primeiro dos documentos achados polos investigadores do Campus Terra da USC que están a proceder ao baleirado documental do arquivo municipal mindoniense no marco do proxecto ‘Mondoñedo Dixital: cidade histórica e patrimonio’, coordinado polo profesor do Departamento de Historia da USC na Facultade de Humanidades Gonzalo Francisco Fernández Suárez, refírese a unha real cédula de Felipe II presentada no consistorio polo licenciado Sandomingo, alcalde maior da cidade, con data do 27 de xullo de 1562

Nesta real cédula de Felipe II solicítase información sobre a posibilidade de criar cabalos ou algunha raza deles nos territorios da provincia. As respostas ofrecidas polas autoridades municipais mindonienses ofrecen datos interesantes sobre a morfoloxía dos cabalos autóctonos, unha aproximación ao número de eguas que poden albergar os montes provinciais e unha estimación sobre a calidade dos montes para a súa manutención, ao tempo que se advirte das dificultades e perigos para a súa supervivencia.

Logo da primeira interpelación formulada a través desta real cédula, o 29 de agosto de 1562 Rodrigo López Teixeiro, procurador xeral da cidade de Mondoñedo, presentaba a primeira información froito das pescudas realizadas en diferentes lugares. Neste documento, de marcado carácter descritivo, ponse de manifesto que tanto os garañóns como as mesmas eguas eran “muy pequeñas e mal echas” e que pese aos intentos de cruzamento con outra raza de cabalos feitos polos propios gandeiros, as crías seguían a acusar o mesmo defecto.

Os resultados de todas as investigacións realizadas ao respecto das posibilidades de establecer un criadeiro de cabalos na antiga provincia de Mondoñedo apuntaban asemade a escaseza de pastos e as condicións climatolóxicas adversas como outra dificultade engadida.

Retrato de Felipe II por Sofonisba Anguissola
Retrato de Felipe II por Sofonisba Anguissola | Fonte: Museo do Prado.

Este primeiro informe elaborado polas autoridades mindonienses non convenceu á Coroa, que volveu insistir sobre a posibilidade real de criar a especie de cabalos demandados. A resposta do Concello a este requirimento chegaría o 28 de setembro de 1562. Nesta ocasión insistíase de novo na non existencia de devesas e a escaseza de pastos, agás nos montes de Buio, Xistral, Penedo e Montouto, onde se estimaba que se poderían apacentar entre 500 e 1.000 eguas.

Os autores deste novo informe insistían asemade en que estas eguas “foráneas” só poderían andar libres nos meses de verán e sempre gardadas, dada a abundancia de lobos, o terreo quebrado e a existencia de garañóns que poderían causarlles algún dano, segundo se recolle na documentación achada, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta