O TSXG ratifica a sentenza que anula o primeiro ERE de Sargadelos, segundo a CIG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza que anula o primeiro expediente de regulación de emprego (ERE) de Sargadelos ao desestimar o recurso de apelación interposto hai dous anos pola Xunta e as empresas do grupo.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2016 | Actualizada ás 19:27 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza que anula o primeiro expediente de regulación de emprego (ERE) de Sargadelos ao desestimar o recurso de apelación interposto hai dous anos pola Xunta e as empresas do grupo.

Diso informou o sindicato CIG nun comunicado, no que recordou que en agosto de 2010 a fábrica de cerámica convocou o comité de empresa para negociar un ERE de extinción de contratos, o primeiro, que afectaría a 34 persoas. A reunión finalizou sen acordo entre as partes e coa proposta final da dirección de despedimento de 26 traballadores.

Ante este feito, a CIG presentou alegacións en solitario ante a Consellería de Traballo. Con todo, asegurou que mentres o sindicato "apuraba os procedementos da vía administrativa", a dirección da empresa "decidiu executar parcialmente o ERE co despedimento de oito traballadores".

"Ante a cerrazón da dirección", a central nacionalista presentou un contencioso administrativo, resolto en novembro de 2014, no que se recoñeceu en sentenza que na negociación do ERE a empresa non achegou a documentación do resto de empresas de Sargadelos e que a selección do persoal se fixo sen "criterios efectivos", motivos polos que a Consellería de Traballo non o debía de aprobar. En consecuencia, "se declaraba a nulidade".

OITO DESPEDIMENTOS

Segundo explicou o sindicato, neste fallo, que foi ratificado polo TSXG, recóllese tamén "o dereito das oito persoas traballadoras afectadas á reincorporación nos seus postos de traballo", o abono das cantidades deixadas de percibir en concepto de salarios dende as extincións dos seus contratos, así como a retroacción da alta co abono correspondente das cotas correspondentes na Seguridade Social.

Non obstante, a CIG recordou que a dirección da empresa decidiu non executar esta sentenza e, igual que a Xunta, interpuxo recurso de apelación ante o TSXG para solicitar que se declarase "adecuada a dereito" a resolución da Administración autonómica que autorizaba o ERE e, polo tanto, os despedimentos posteriores.

"Dous anos despois da presentación deste recurso (e seis despois dos despedimentos) recibimos a resolución do TSXG que desestima as pretensións da Xunta e do grupo Sargadelos, ratificando na súa integridade a sentenza apelada e mantendo os dereito dos traballadores recollidos nesta", celebrou o sindicato.

A CIG confiou en que a empresa "recapacite" e "acate as sentenzas", "adoptando unha postura de responsabilidade e dignidade acorde co prestixio da súa marca".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta