Por gcdeportes | A Coruña | 30/12/2016 | Actualizada ás 09:13
Acordo entre Deportivo e Abanca nunha aposta decidida polo fútbol feminino. Dentro do marco de colaboración que une as dúas entidades, estas decidiron sumar os seus nomes e o equipo feminino do club herculino pasará a chamarse, oficialmente, Deportivo Abanca. O convenio é polo que resta de tempada e catro anos máis.
O apoio de Abanca supón un empurrón fundamental para consolidar o proxecto de fútbol feminino posto en marcha polo RC Deportivo este verán, e que ten como obxectivo converter ao club branquiazul en referencia do fútbol feminino en Galicia co ascenso do primeiro equipo á Primeira División. Para a entidade financeira galega, é un paso máis no seu apoio ao mundo do deporte en todas as modalidades e en todas as categorías, materializado fundamentalmente co patrocinio de máis dun cento de clubs e 14.000 deportistas galegos a través da Fundación Deporte Galego.
O acordo foi anunciado polo presidente do Deportivo, Tino Fernández, no acto de presentación da I Memoria de Sustentabilidade do Club, na que un apartado destacado é o que fai referencia ao Compromiso coa Igualdade, que queda patente coa posta en marcha deste proxecto e o novo apoio de Abanca.
Xusto despois do anuncio, as xogadoras do Dépor Abanca Estefi e María Corral, acompañadas polo presidente deportivista, amosaron por primeira vez como serán as camisolas do equipo coa imaxe de Abanca tanto na parte frontal como na manga. Abanca figurará tamén no resto de soportes e comunicación vinculados aos equipos femininos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.