VIGO | 27/01/2017 | Actualizada ás 16:42 por EUROPA PRESS
A funcionaria da Xunta Ana Ortiz Álvarez, ata agora secretaria xeral da delegación territorial do Goberno galego en Pontevedra, tomará posesión do cargo de nova subdelegada do Goberno na provincia, nun acto que se celebrará o próximo 1 de febreiro, ás 12,00 horas na sede da subdelegación en Pontevedra.
Confirmouno este venres o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, en declaracións aos medios tras asistir á toma de posesión do novo comisario de Vigo-Redondela.
Villanueva valorou a "dilatada traxectoria profesional" de Ortiz na administración autonómica, e agradeceu á Xunta as "facilidades" que deu para que a secretaria territorial se poida incorporar ao seu novo posto, no que vai substituír a Antonio Coello, recentemente xubilado.
O delegado desexou a Ana Ortiz "o mellor" na súa nova etapa profesional, e recordou que terá "vinculación directa" no seu traballo cos corpos e forzas de seguridade que desempeñan o seu labor na provincia de Pontevedra.
Ana Ortiz Álvarez, de 53 anos de idade, licenciada en Dereito pola USC e doctoranda pola UVigo, é funcionaria de carreira do corpo superior de administración da Xunta de Galicia e, dende 2009, secretaria territorial da delegación do Goberno galego en Pontevedra.
Ao longo da súa traxectoria desempeñou diversos postos, como o de subdirectora xeral de Familia, ou secretaria provincial de Educación en Ourense, e de Agricultura en Pontevedra. En 2006 foi nomeada secretaria da Comisión de Xustiza Gratuíta en Vigo e letrada do servizo de mediación SMAC. É membro do Comité Executivo do PP de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.