Galicia, desquite con Francia

A Selección Galega de fútbol gaélico enfrontarase ao combinado galo nun dobre amigábel en Ourense o vindeiro sábado 18, no que será o primeiro encontro tralos World Games de Dublín. Galicia arrinca deste xeito a preparación para o Mundial do 2019.

Por gcdeportes | Ourense | 01/03/2017 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

Galicia quedou fóra da final do último Mundial de fútbol gaélico tras caer 7-9 con Francia no choque decisivo. O vindeiro sábado 18, no campo de Rugby da Universidade de Ourense, Galicia-Francia, desquite daquel último partido en Dublín. Ourense acollerá pois un dobre entontro amigábel (masculino e feminino), o primeiro que disputa a Selección Galega dende a súa participación nos II GAA World Games o pasado agosto.

A Selección Galega celebra o terceiro posto en Dublín nos pasados World Games.
A Selección Galega celebra o terceiro posto en Dublín nos pasados World Games. | Fonte: @GaelicoGalego

Deste xeito, o vindeiro rival de Galicia será a selección francesa, un equipo de primeiro nivel mundial como demostrou nos pasados World Games. A selección masculina proclamouse subcampioa do mundo, por diante de Galicia, que rematou terceira. As seleccións femininas tamén son vellas coñecidas: logo de caer eliminadas na primeira fase, ambas accederon ao denominado campionato Shield que decidía o 5º posto do Mundial. Tanto galegas como galas chegaron ata a final, onde Galicia se impuxo por un axustado 12-11.

Estes enfrentamentos recentes farán que os amigábeis de Ourense sexan auténticos desquites do pasado Mundial. Ademáis, será a primeira ocasión na que a Selección Galega dispute un partido na cidade das Burgas, así como a primeira vez que Francia visite terras galegas.

Tamén será a estrea do novo corpo técnico da selección feminina, integrado por Pablo da Silva (Estrela Vermelha) e Santi Rodríguez (Herdeiras de Dhais). Pola súa banda, Alexandre Jano Sanmartín continúa como seleccionador masculino tras dirixir o equipo no pasado Mundial. As listas definitivas de convocados faranse públicas o 9 de marzo.

A entrada será de balde e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico anima a todos os galegos e galegas a acudir e amosar deste xeito o seu apoio ás seleccións galegas.

En Ourense, Galicia arrincará a preparación para unha hipotética competición europea, a modo de Eurocopa, que se celebraría no verán do 2018 e, en todo caso, a preparación dos próximos Xogos Mundiais no 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta