De penalti sobre a bucina

O Dépor salva un punto ante o Betis cun gol de Celso Borges dende os once metros no minuto 92, tras un choque con pouco fútbol. O equipo deportivista mantense invicto con Pepe Mel, con 5 puntos en tres partidos, e afastase cinco puntos do descenso. Barça e Celta, vindeiros rivais na casa.

Por gcdeportes | A Coruña | 08/03/2017 | Actualizada ás 21:46

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Deportivo 1:
Poroto Lux; Juanfra, Arribas, Sidnei (Raúl Albentosa, 67'), Luisinho; Pedro Mosquera, Celso Borges; Fayçal Fajr (Joselu, 74'), Emre Çolak, Carles Gil (Ola John, 80') e Florin Andone.   
Real Betis 1: Antonio Adán; Piccini, Mandi, Pezzella, Tosca, Durmisi; Darko Brasanac (Rafa Navarro, 85'), Rubén Pardo (Álex Martínez, 82'), Ryan Donk (Petros, 62'), Dani Ceballos e Sanabria.
Goles: 0-1: Piccini (minuto 70). 1-1: Celso Borges, de penalti (92').
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas a Carles Gil (20'), Florin Andone (33'), Pedro Mosquera (86') e Raúl Albentosa (92') no Dépor e a Ryan Donk (35'), Rubén Pardo (40'), Dani Ceballos (51'), Antonio Adán (90'), Pezzella (92'), Mandi (93') e Álex Martínez (95') no Betis.
Incidencias: partido da xornada 21ª de Primeira División no estadio municipal de Riazor ante 21.589 espectadores, encontro que foi adiado no seu día polo temporal.

Non foi un bo partido do Dépor, pero salvou un punto in extremis cun penalti executado por Celso Borges no tempo engadido tralo gol de Puccini nun despiste defensivo. Pouco fútbol e poucas ocasións en Riazor, e o equipo deportivista que acusou o cansazo de xogar o terceiro partido en tan só sete días. En troques, o Dépor mantén a boa xeira con Pepe Mel no banco, e suma tres xornadas sen perder: dous empates e unha vitoria, 5 dos 9 puntos.

Saúdo entre Florin Andone e Antonio Adán nun intre do partido.
Saúdo entre Florin Andone e Antonio Adán nun intre do partido. | Fonte: lfp.es

O Betis, con tres centrais e dous laterais con moito percorrido, entrou mellor ao partido, tiña máis posesión e impedía a saída co balón dos galegos. E, baixo a batuta de Ceballos, achegouse á área deportivista con perigo: Arribas evitou o remate de Sanabria na área pequena e Darko Brasanac tivo dous remates, un que parou Lux e outro que se foi por pouco.

Tralos primeiros 25 minutos, o Dépor foi asentándose e igualou a posesión. Entraron en xogo Çolak e Carles Gil, e a piques estivo de adiantarse antes do descanso, cun remate de Florin Andone que tras petar nun defensa foise ao pau e cun disparo de Juanfran coa esquerda que rexeitou Antonio Adán con apuros.

O Dépor mantivo a iniciativa trala reanudación, e o porteiro bético tivo que saír ao bordo da área para despexar un gran pase de Emre Çolak a Andone. No minuto 54, foi o turco quen disparou e obrigou a Adán a desviar a córner. Pero se lle acabou a gasolina ao Dépor, e o Betis trabou o ritmo para controlar o partido. Non necesitou crear perigo para marcar: foi nun córner no minuto 70, tras un rexeite curto coa testa de Celso Borges e cun disparo de Piccini, libre de marcaxe, que chegou á rede tras petar no costarriqueño. E menos mal que Ceballos errou o segundo nun man a man con Lux que se lle foi desviado.

Entraron Joselu e Ola John, e ao Dépor entráronlle as presas. Joselu tentouno sen éxito con dous disparos, e Andone tivo o empate no minuto 89 tras un centro de Juanfran, pero o seu remate na área saiu preto do pau esquerdo de Adán. O premio chegou no tempo engadido, tras un penalti por un cobadazo de Pezzella sobre Celso Borges no que o árbitro non dubidou. O costarriqueño, despois do erro de Emre Çolak en Xixón, empatou sobre a bucina. As vindeiras citas, Barça e derbi galego co Celta.

O balón entra na portaría bética e Celso Borges empata o partido no 93.
O balón entra na portaría bética e Celso Borges empata o partido no 93. | Fonte: @RCDeportivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta