Por Xurxo Salgado | Santiago | 18/01/2010 | Actualizada ás 20:11
O primeiro movemento de Quintana que desconcertou á dirección nacionalista tivo lugar o pasado mércores cando presentou na Mesa do Parlamento unha iniciativa sobre o control das axudas aos medios da que non deu conta na habitual reunión do Grupo Parlamentario dos martes. Os dirixentes nacionalistas souberon desta proposición non de lei a través das páxinas de Xornal de Galicia, que ese día titulaba "El BNG, a través de Quintana, solicita más control a las ayudas a los medios". A pesar de que a iniciativa contaba coa sinatura de Carlos Aymerich, como voceiro do grupo, o certo e que, segundo apuntan fontes do Grupo Parlamentario Nacionalista, este enterouse pola prensa desta medida. "En ningún momento foi informado da iniciativa e, ainda que aparece asinada por el, é un proceso mecánico que se soe facer dentro do grupo xa que os deputados poden facer iniciativas de impulso e control sen dar conta a Aymerich. Outra cousa é que teñen que falar delas na reunión semanal do grupo, cousa que non fixo Quintana", aseguran.
Unha medida que non gustou nada nin entre os seus compañeiros deputados, nin entre os responsables de +BNG, nin entre o propio voceiro do grupo. Algúns parlamentarios nacionalistas lembran que Quintana "non fixo nada" para controlar as axudas dos medios cando era vicepresidente e aseguran que a iniciativa que presentou é froito da "súa particular cruzada contra La Voz de Galicia", medio moi crítico co ex vicepresidente desde os últimos meses do bipartito.
Quintana non consultou
A segunda acción que desconcertou á cupula nacionalista foi a súa posición no debate que o Consello Nacional tivo este pasado sábado sobre a fusión das caixas galegas. Quintana non participou desa discusión e mesmo votou a favor do documento da Executiva. Esa mesma tarde, o Instituto Galegos de Estudos Autonómicos (IGEA), que preside, daba a coñecer un informe elaborado por Martínez Cobas, ex xerente de Xornal de Galicia, no que se postulaba contrario a unha fusión entre Caixanova e Caixa Galicia, exactamente, a idea oposta a que manten o seu grupo político. Ninguén na dirección do BNG nin da de Máis BNG coñecía esta decisión do ex vicepresidente, a pesar de que a algúns dirixentes deste grupo se lles comunicou que o IGEA estaba elaborando "un estudio" sobre o futuro das caixas. Por iso, a sorpresa entre UPG, Encontro Irmandiño e Máis BNG foi maiuscula.
Fontes da dirección do Bloque consultadas por GC aseguran que Quintana "está nun doble xogo" e apuntan que "vai por libre". A maior parte dos dirixentes da formación que el mesmo axudou a crear non o apoian nesta nova estratexia e os apoios que mantén dentro do conxunto do BNG "son contados", segundo aseguran. Líderes de +BNG aseguran a Galicia Confidencial que "non entenden" os últimos movementos de Quintana e apuntan que "non saben a onde quere ir". En todo caso, non son poucos os que ven "intereses económicos", neste caso de Caixanova, na súas decisións.
Pacto UPG-La Voz
Pola contra, fontes próximas a Quintana e dirixentes do IGEA negan calquera vinculación desta fundación coa caixa do Sur e aseguran que quen ten un pacto con Caixa Galicia e con La Voz de Galicia "é a UPG". "Pero, claro, diso non se pode falar dentro do BNG e atacan o flanco máis débil", asegura este cargo consultado por GC que lembra que tamén hai outro informe do economista Xabier Vence, "que no seu día coqueteou coa UPG", que desaconsella tamén a fusión. "O que está claro é que o tema da fusión é un tema técnico que hai que analizar e o BNG apostou por unha opción sen ter informes concretos do que hai que facer. Agora métense os temas localistas e a política de por medio e pasa o que pasa", apunta. "O que tampouco se pode facer é lanzarse ás mans de Feijóo como fixo a dirección do Bloque", asegura este cargo que cualifica a situación na que se atopa o BNG de "lameira".
Consello Nacional
Por outra banda, no Consello Nacional do pasado sábado, no que se abordou a fusión das caixas, non houbo unanimidade nas posturas defendidas. Así, e a pesar de que Quintana, ou sectores próximos ao IGEA non deron a súa opinión, foi o líder de Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, quen se amosou moi crítico coa postura oficial da dirección frontista e considerou un "erro" defender a fusión. Así, asegurou que esta postura non foi o que acordou o último Consello Nacional de setembro. "Hai xente por aí que xa cre que somos os tontos útiles do PP", aseverou. Unha afirmación que non gustou nada na UPG que lle respostou a través de Francisco Jorquera que lembrou unha anecdota do BNPG. "Iso é igual que cando estabamos na Coruña e presentamos unha iniciativa e logo dicían que a aprobaran todos menos nós que a presentamos".
Sen embargo, o documento político elaborado pola Executiva e sometido a votación no Consello Nacional foi respaldado por ampla maioría, incluídos, os integrantes de EI, Máis BNG e o propio Quintana. Sen embargo, este documento non especificaba a postura oficial do Bloque senón a súa postura con respecto a Lei de Caixas. Por iso se aprobou "manter a iniciativa no que se refire ao futuro das caixas de aforros galegas, tanto no nivel institucional como no social. Necesidade de espallar o contido da nova Lei de Caixas, tendo en conta que non existiría de non ser pola nosa determinación. Velar porque a súa aplicación signifique un cambio cualitativo a respecto da situación actual". Nada se di da posición oficial sobre a fusión.
Podes consultar este documento, aquí. No plan de traballo aprobado tamén se incide na necesidade de defender o galego, estreitar lazos coa CIG na actual coxuntura de crise económica, defender a Sanidade Pública, reclamar carga de traballo para Astano, iniciativas culturais e máis presión sobre a Cidade da Cultura, potenciar o debate sobre o Estatuto, dinamizar a política local ou oporse a nova Lei do Solo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.