Por Galicia Confidencial | Vigo | 24/04/2017 | Actualizada ás 17:52
Uns 200 galegos sufriron nas súas propias carnes os horrores dos campos de concentración e exterminio nazis. Pouco máis de 60 sobreviviron. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, ambos os dous veciños da comarca de Monterrei, foron dous deses homes e mulleres que saíron con vida das fábricas de morte de Mauthausen e Buchenwald, respectivamente. A Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio está a render homenaxe desde hai un ano a Joaquín e Antonio cunha exposición que desde hoxe se pode visitar no pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
A través das fotografías e textos que compoñen os 14 paneis de cartón pluma nos que se aborda a historia dos republicanos obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil e posteriormente deportados a campos de concentración nazis, os investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro —do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo— organizan esta exposición sobre os ecos do horror nazi.
“A decisión de traermos esta exposición á Facultade responde a dúas accións: investigación e transferencia de coñecemento á sociedade, neste caso á comunidade universitaria, á sociedade civil e ao alumnado de secundaria. E coa investigación pretendemos recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da nosa liña de investigación 'Memoria, Mestizaxe e Migración', colocando o foco nesas persoas anónimas, con nomes e apelidos, que pasaron desapercibidos polos historiadores”, explican Ferreiro e Garrido, que lembran ademais que o 5 de maio se conmemora a liberación do campo de Mauthausen.
A exposición 'Galegos en Mauthausen', que se poderá visitar ata o 8 de maio, complétase cun relatorio que o profesor de historia e xeografía Eladio Anxo Fernández ofrecerá o xoves 27 de abril ás 11:30 horas no salón de actos da Facultade. No seu relatorio, Fernández centrarase na figura de Joaquín Balboa, en cuxa recuperación leva anos a traballar “de maneira exemplar e con moito rigor científico, patente en cada un dos datos ofrecidos nos paneis da exposición”, sinalan os investigadores.
PRISIONEIROS 3.833 E 40.623
Nado en Entrevesiños no ano 1908, Joaquín Balboa ingresou no campo de Mauthausen en abril de 1941. A súa pertenza ás brigadas mixtas de carabineiros do exercito republicano e o seu posterior exilio en Francia, antecederon a súa detención por parte do exército alemán, que tras ingresalo en varios stalags, levouno a Mauthausen en 1941, onde permaneceu dous anos ata o seu traslado ao subcampo de St. Lambrechet.
En Mauthausen, Balboa converteuse no prisioneiro 3.833 co distintivo dun triángulo azul dos apátridas e co 'S' de 'Spanier'. Ata a liberación do campo de St. Lambrechet en 1945, Joaquín Balboa foi obrigado primeiro a traballar nunha canteira, para posteriormente exercer a súa profesión de barbeiro. Non sería ata 1975 cando o veciño de Entrevesiños regresa a súa terra, onde falece en 1994.
Pola súa banda, Antonio Pérez naceu en Albarellos de Boborás en 1904. Emigrado a Francia na década de 1920, Pérez foi detido en 1943 pola súa pertenza á Resistencia e tras ser encarcerado en varias prisións, foi ingresado no campo de Compiegne. Un ano máis tarde é trasladado ao campo de Buchenwald ,onde se converteu no preso 40.623 e onde permaneceu ata un ano máis tarde, cando o campo é liberado. Regresou a Bayonne, onde morreu en 1986.
Balboa e Pérez lograron salvar as súas vidas, algo que non ocorreu no caso de máis dun cento de galegos que morreron nos campos de concentración nazis. “No caso dos homes contamos cun listado de 107 galegos mortos nos campos de concentración e de exterminio, segundo consta nun artigo asinado por Lois Vázquez e publicado pola revista Grial en 1982.
No que respecta ás mulleres, que nós coñezamos, non existe unha listaxe semellante, pero cómpre destacar á galega e catalá Mercedes Núñez Targa que foi prisioneira de Franco no cárcere de Ventas e de Hitler en Ravensbrück”, lembran Garrido e Ferreiro.
Núñez sobreviviu aos campos de exterminio e pasou os derradeiros anos da súa vida en Vigo, onde ofreceu en centros de Secundario o testemuño, do que tamén deixou constancia no libro 'Cárcel de Ventas' e 'Destinada al crematorio. De Argelès a Ravensbrück: las vivencias de una resistente republicana española', informa Mª del Carmen Echevarría, da Universidade de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.