Temas: PONTEAREAS RíOS

Multan ao Concello de Ponteareas con 5.000 euros por irregularidades nunha senda fluvial no río Tea

Este percurso está feito nas áreas inundables do curso fluvial, polo que "cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río", segundo ADENCO.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 28/04/2017 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Confederación Hidrográfica multou con 5.000 euros ao Concello de Ponteareas polas irregularidades detectadas no treito A Freixa-Padróns da senda no Tea tras a denuncia interporsta polo Grupo Ecoloxista ADENCO en xaneiro de 2016.

Desperfectos provocados polas enchentas no paso peonil do río Tea
Desperfectos provocados polas enchentas no paso peonil do río Tea | Fonte: Adenco

Na resolución do expediente sancionador, a Confederación requírelle ao concello de Ponteareas que cumpra as condicións relativas á autorización nun prazo de 15 días, indicando que o incumprimento do ordenado derivaría en sancións coercitivas. A Confederación considera que existen dúas circunstancias agravantes da responsabilidade: por unha banda, a reiteración da conduta infractora e, por outra, o feito de que a actuación se localice dentro do espazo natural protexido LIC Río Tea. Nese senso, o propio concello de Ponteareas ten asumido por escrito perante a Confederación a responsabilidade da actuación para conseguir unha redución da sanción imposta. 

Desde ADENCO consideran que este é "un novo exemplo de como malgastar e despilfarrar" os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. "Certamente, desde a creación da senda tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese e esta situación vai continuar", critica nun comunicado. A senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que, segundo a organización ecoloxista, "cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río".

Esta sanción súmase a outras previas no mesmo treito de senda, como a relativa á destrución de parte do Castro da Croa. No mesmo senso, existen outras denuncias sobre as actuacións nas sendas do Tea realizadas pola entidade ecoloxista e que se atopan na actualidade en proceso de investigación.

ADENCO anuncia que continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental existente no río Tea e que denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e esixirá as pertinentes responsabilidades.

Temas: PONTEAREAS RíOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta