Galicia dótase do primeiro vademécum de augas termais

O manual recolle as indicacións terapéuticas dos 21 balnearios de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2017 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Galicia conta xa co primeiro vademécum de augas mineromedicinais, unha obra que pon a disposición do persoal médico información sobre as principais indicacións terapéuticas actuais das augas dos balnearios galegos, xunto coas súas contraindicacións, procedementos de aplicación e a súa dispoñibilidade nos diferentes centros termais da comunidade.

Presentación de Vademecum de augas medicinais en Galicia
Presentación de Vademecum de augas medicinais en Galicia | Fonte: Europa Press

Na presentación do 'Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia', publicado pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago (USC) e a Asociación de Balnearios de Galicia, participou, xunto a outras autoridades, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen ratificou que hai "unha zona de estudo" para determinar unha posible incorporación futura deste recurso á carteira de servizos sanitarios.

"Desde Galicia hai unha implicación entre a Cátedra e a Consellería para poder decidir sobre a súa incorporación futura (do recurso de augas mineromedicinais) para o tratamento específico de patoloxías", explicou o conselleiro, tras ser preguntado respecto diso.

En todo caso, concretou que a carteira de servizos debe analizarse sempre desde o punto de vista estatal e subliñou que é necesario determinar cales serían as indicacións médicas apropiadas, xa que hai algunhas que "xa están descartadas".

Dito isto, e tras salientar a importancia das augas mineromedicinais, precisou que xa existe "financiamento" por parte da Administración para o acceso a este tipo de recursos, "fundamentalmente desde o punto de vista dos servizos sociais" e exemplificou co Programa de Termalismo Social do Imserso.

INFORMACIÓN DOS BALNEARIOS

Ademais do conselleiro, na presentación deste novo vademécum participaron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; e o xerente da Asociación, Benigno Amor.

En presenza tamén de varios directores médicos de balnearios galegos e do presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán, así como do reitor da USC, Juan Viaño, que conduciu o acto, Gestal explicou o contido deste vademécum, que se divide en dúas partes.

Na primeira estúdase a importancia terapéutica das augas medicinais, a súa clasificación e mecanismos de accións, contraindicacións e vías e técnicas de administración, ademais dunha normativa legal que afecta o sector.

Na segunda, preséntase información de cada un dos 21 balnearios de Galicia e das envasadoras de augas minerais naturais de Cabreiroá e Fontecelta. De cada balneario achégase información, entre outras cuestións, sobre a composición, tipo e propiedades das augas, así como das principais indicacións terapéuticas.

PLAN DE TURISMO DA SAÚDE

Gestal destacou os avances na implantación da historia clínica electrónica nos balnearios e explicou que se traballa na unificación dos protocolos terapéuticos, co fin de que se concreten tamén nunha publicación. Para logralo, destacou a importancia de contar "co apoio firme e decidido" da Asociación de Balnearios.

Tanto el como o reitor, Juan Viaño, incidiron nas achegas científicas que supón este manual, mentres que Luciano Vidán incidiu en que a auga é "un elemento consustancial a Galicia e, na liña con Nava Castro, resaltou a importancia do recurso.

A responsable galega de Turismo, pola súa banda, destacou a "riqueza" termal de Galicia, unha comunidade cuxa oferta representa o 20 por cento do total da oferta de España.

Tamén concretou que a Administración traballa no desenvolvemento dun plan de turismo da saúde cos servizos enfocados nas perspectivas curativa, preventiva, estética e de benestar, que outorga protagonismo aos servizos termais.

Entre outras cuestións, ratificou a aposta por "fortalecer" a oferta turística do termalismo e aludiu a vías concretas para logralo como "completar" con propostas termais o Camiño de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eu tenho estado alí

o vademecum era unha disco em Vigo no meio do caminho entre o Berbés para o Calvario, que te metías por um reco-beco agochado e alí estaba.