A Xunta defende a orde que regula as bolsas postdoctorais, para a "formación inicial de mozos investigadores"

"Para unha formación inicial, 11 anos é un prazo razoable", argumenta Rodríguez en alusión ás persoas licenciadas antes de 2006 e que quedan excluídas destas bolsas

Santiago de Compostela | 02/06/2017 | Actualizada ás 15:19 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, defendeu este venres a orde que regula as bolsas postdoctorais 2017, as cales están destinadas, precisou, a "a incorporación en formación inicial de mozos investigadores".

En concreto, o titular da Consellería de Educación pronunciouse deste xeito tras ser preguntado pola denuncia realizada tanto por investigadores como polo BNG. E é que este xoves criticaron o feito de que a Xunta exclúa das bolsas postdoctorais 2017 a todas as persoas licenciadas ou graduadas antes de 2006, nunha decisión que tachan de "arbitaria" e para a cal cren que "non hai xustificación académica".

"Non é unha decisión arbitraria, senón que é unha decisión que se basea na propia filosofía da orde. A orde e o proxecto é para a incorporación en formación inicial de mozos investigadores. Isto lévanos a que, se facemos unha cuantificación desde o ano de licenciatura ata o ano no que se pode solicitar a bolsa, estamos a falar de 11 anos", subliñou Román Rodríguez.

A continuación, argumentou que, para unha formación inicial, 11 anos é "un prazo razoable". De non facelo así, proseguiu, os mozos investigadores terían "dificultades" para "acceder a este tipo de proxectos". E é que, razoou, aqueles que "poden estar moitos anos" van "acumulando méritos", feito que "imposibilita", na súa opinión, que os mozos investigadores "cumpran coa filosofía da orde, que é de formación inicial".

"Esa é a clave que nos levou a tomar esa decisión, que por outra banda está baseada en recomendacións da Unión Europea. Co cal, aquí o que se pretende é dar oportunidades aos mozos graduados para que poidan iniciarse conforme á filosofía da orde en formación inicial para investigación", argumentou.

"DISCRIMINACIÓN"

Non comparte esta opinión a deputada do BNG Olalla Rodil, quen denunciou este xoves que, con esta orde, "péchase a porta" a investigadores emigrados que "querían volver" a Galicia. Tamén criticou esta decisión o profesor da USC Marcos Valcárcel, quen asegurou que suporá unha "discriminación por motivos de idade", ademais de afectar a investigadores que se viron "excluídos" da posibilidade de quedar en Galicia pola crise.

A este respecto, o conselleiro de Educación remarcou que Galicia é "unha das comunidades que mellor está a desenvolver a súa acción en captación e retención de talento". "Mantemos contías económicas en diferentes liñas de traballo, tanto para grupos como para investigadores para fixar talento", apostilou.

"OUTRAS LIÑAS DE TRABALLO"

"Estamos a falar de investigadores que están X anos no sistema e, a partir deses anos, entendemos que teñen que exporse, dentro do propio sistema de axudas de investigación, outras liñas de traballo", explicou, xusto antes de facer fincapé en que "o que se expón nesta orde é formación inicial".

"Entendemos que un prazo ao redor de 11 anos para unha formación inicial parece razoable. A partir de aí, hai outras liñas de traballo nas cales se poden sumar estes investigadores", finalizou Román Rodríguez, en alusión ás persoas licenciadas ou graduadas antes de 2006.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta