Temas: EDUCACIóN

A Xunta consuma a extinción do CEIP Emilio Navasqües e do CPI Monte Caxado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva adiante a reorganización do mapa de centros de Galicia para o próximo curso, malia as protestas de pais, nais, mestres e alumnos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2017 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consumou a reorganización do mapa de centros de Galicia para o próximo curso, pola que se formalizan distintas fusións, integracións e transformación de centros públicos integrados que levan á extinción do CEIP Emilio Navasqües de Outes e do CPI Monte Caxado nas Pontes.

Protesta en Santiago contra o peche de centros
Protesta en Santiago contra o peche de centros | Fonte: Europa Press

Esta decisión, comunicada aos centros nas xornadas previas ao fin de curso, xerou unha resposta dos veciños das localidades afectadas, as críticas de sindicatos de profesorado e dos partidos da oposición. Todo iso desembocou nunha multitudinaria marcha que rodeou as instalacións da Xunta en Santiago de Compostela.

Desde a Xunta, o conselleiro Román Rodríguez reiterou en diversas declaracións que, na práctica, non se pecha ningún centro, dado que se manterá o 100% de aulas e de unidades e que os alumnos se beneficiarán de máis servizos e oportunidades no mesmo municipio.

O Diario Oficial de Galicia publica este martes o decreto 60/2017, do 22 de xuño, de reorganización de centros docentes de determinadas localidades.

En concreto, fusiónanse o Emilio Navasqüés, que desaparece, e o Plurilingüe Serra de Outes, nun único centro que pasará a denominarse CEIP de Outes, onde serán trasladados os alumnos afectados e con capacidade para seis unidades de infantil e 12 de primaria.

Tamén se extingue o CPI Monte Caxado das Pontes, cuxo alumnado de infantil e primaria se integrará no CEIP A Magdalena mentres que o de secundaria farao ao IES Moncho Valcarce.

O mesmo decreto inclúe a transformación de dous centros integrados en colexios de infantil e primaria: o Tomás de Lemos de Ribadavia (Ourense), cuxo alumnado de secundaria será trasladado ao IES O Ribeiro, e o Ribeira do Porriño (Pontevedra), cuxos estudantes de secundaria irán ao IES Ribeira do Louro.

SITUACIÓN DOS DOCENTES

Educación non aclara neste texto a situación do profesorado, indicando que "determinará as necesidades" docentes dos centros afectados por este decreto.

Respecto diso, a CIG-Ensino reprochou á Xunta que "desatenda o clamor" da sociedade e dos veciños das localidades afectadas.

Sobre todo, o sindicato reprocha que a Consellería "non defina a situación na que quedará o profesorado", limitándose a unha referencia ao Decreto 140/2006 polo que se regula a perda de destino de persoal docente.

Así, atrásase a aplicación desta normativa a un desenvolvemento posterior deste decreto, que pasará por unha mesa sectorial que se convocará, previsiblemente, antes de finais do mes de xullo.

"O lóxico e normal é que a Consellería negociase previamente coa representación docente e do resto da comunidade educativa", sinalan desde a central sindical.

A CIG lamenta este "novo exemplo de mala xestión", xa que o profesorado afectado "non sabe se terá que trasladarse aos centros" que recibirán ao alumnado ou se terá que pedir destino provisional para o próximo curso noutro centro docente.

Finalmente, está previsto que o conselleiro de Educación compareza no pleno da próxima semana para explicar a reorganización de centros aplicada pola Xunta.

CENTROS INTEGRADOS DE FP

Doutra banda, a Consellería tamén publicou no DOG o decreto polo que se transforman varios centros de secundaria en centros integrados de formación profesional. En concreto, o IES Imaxe e Son da Coruña e o IES As Mercedes de Lugo.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta