Temas: CITROëN

Folga en Citroën para o 15 de xullo

CC.OO., CIG e CUT cren que as novas contratacións son "insuficientes" e insisten na necesidade de acudir á mediación para solucionar un conflito xerado pola "sobrecarga abusiva".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2017 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

Representantes de CC.OO., CIG e CUT presentaron este venres no rexistro da delegación territorial da Xunta en Vigo a convocatoria dunha xornada de folga para o vindeiro sábado 15 de xullo na planta de PSA Peugeot Citroën, un "primeiro envite" para "presionar" á dirección da empresa e que acceda a someterse á mediación dun AGA (acordo sobre solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo) para abordar os problemas de sobrecarga dos traballadores polo repunte de produción.

Folga Citroen Vigo
Folga Citroen Vigo | Fonte: Europa Press

Manuel Domínguez, portavoz da CIG, lembrou que este venres é "o último día" para que a empresa responda se se somete a esa mediación, e insistiu en que os sindicatos reclaman "algo moi básico: o equilibrio e a repartición de cargas na produción". "Queremos poder abordar o incremento de produción sen que iso cause danos na saúde dos traballadores", incidiu.

A ese respecto, indicou que a primeira das medidas de presión será esa convocatoria de folga, "empezando polas xornadas extraordinarias", para o 15 de xullo. Así mesmo, lembrou que os sindicatos fixeron tamén un chamamento, esta vez informal, aos traballadores da M1 para que, de forma voluntaria, non acudan a traballar este sábado 8 de xullo.

O representante da CUT, Vítor Mariño, subliñou que, á marxe de que SIT e UXT 'se descolgasen' da convocatoria de folga, "todos os sindicatos ven necesaria a mediación". Por iso, expresou a súa esperanza de que a empresa acepte o AGA e os "sindicatos de clase" poidan dialogar nesa mesa de mediación "cunha soa voz".

NOVAS CONTRATACIÓNS

Con respecto ás novas 200 contratacións confirmadas pola empresa na Comisión de Emprego da fábrica, Manuel Domínguez advertiu de que "as novas contratacións deben facerse efectivas nas liñas de produción", que é onde se sofre o "alto nivel de absentismo" polas "cargas de traballo abusivas" que padecen os operarios.

Na mesma liña, Santiago García, de CC.OO., afirmou que as novas contratacións veñen dar "a razón" aos sindicatos sobre a necesidade de máis persoal para abordar os ritmos de traballo. "Os traballadores non aguantan este ritmo, o persoal está a afundirse", constatou, e advertiu de que eses contratos temporais son "insuficientes" porque "son para cubrir ocos de traballadores de baixa".

"Non se xeran novos postos de traballo, se fose así, poderíase distribuír a carga e non habería tanto absentismo", apuntou, e denunciou que moitos dos operarios caen enfermos por "problemas psicolóxicos".

Finalmente, Vítor Mariño insistiu en que "as novas contratacións só serven para paliar un déficit que xa tiña a fábrica, e que vén arrastrando desde hai tempo". Segundo indicou, hai uns 400 empregados de baixa, e hai empregados que están "a traballar 12 horas para cubrir tres quendas con dúas persoas".

Temas: CITROëN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 galegoexiliado

Xa están a aplicar o que o sr Nuñez aprendei na sua viaxe á China: A COMPETITIVIDADE, 12 horas de traballo por un plato de arroz.

2 Gamela

os sindicatos seguen sen escoitar o que significa a palabra UNIDADE ! pero os "traballadores de clase" tiran do teto de carallo ! 400 baixas semella que son demasiadas baixas para unha empresa subvencionada pola Xunta ! aos funcionarios da Xunta coller 3 días de baixa cústalles a broma de 125 € nas súas nóminas ! ¿canto lles sae coller baixa aos 400 de Citroën? Bromas, as xustas... co pan da xente non se xoga !!!

1 sindicatos=politicos

unha folga en sabado, cantos millons recibe esa empresa da xunta cos cartos de todos os galegos,deixemos de subencionar empresas pra pagarlle os soldos os seus traballadores. cando se daran conta que citroen vigo non e rentable para psa e sobrevive grazas as subencions ocultas que lle tamos dando todos,ou pensan que segue funcionando polo seu bo funcionamento. hoxe en dia calquer pais asiatico produce o mesmo e mais barato