A Xustiza impide a Cementos Cosmos explotar en Triacastela a canteira próxima á Cova Eirós

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo anulou a licenza outorgada en 2014 polo Concello tras o recurso da Asociación Cultural O Iribio. A alcaldesa Olga Iglesias (PP) anuncia que recorrerán a sentenza, accesible en GC.

Por Galicia Confidencial | Triacastela | 03/08/2017 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A Cova Eirós quedará a salvo. O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo anulou a licenza outorgada en 2014 polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos para explotar a canteira de Vilavella, en cuxas inmediacións se atopa a Cova Eirós, un Ben de Interese Cultural que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular.

Canteira de Cementos Cosmos en Vilavella
Canteira de Cementos Cosmos en Vilavella | Fonte: Salvemos Cabana.

O fallo atende o recurso da Asociación Cultural O Iribio —co apoio de diversas organizacións e asociacións do país, como Adega, Sindicato Labrego Galego ou Salvemos Cabana, entre outros— contra a decisión da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias (PP) de conceder a licenza sen atender a categoría dos terreos como chan rústico de especial protección de interese patrimonial. Esta clasificación débese á proximidade co xacemento arqueolóxico da Cova Eirós, o cal, como se subliña na sentenza, "se atopa dentro do perímetro de explotación".

A sentenza, do 31 de xullo pasado, estima o recurso contencioso-administrativo interposto polo letrado Ramón Barreiro Carnota, en nome e representación da Asociación Cultural O Iribio fronte ao Concello de Triacastela e a resolución da súa alcaldesa do 22 de xaneiro do 2015, desestimatoria da reposición presentada fronte á resolución municipal que outorgou licenza a Cementos Cosmos, S.A., para a explotación mineira Don Isidro, e revoga ambas as resolucións. Ademais, obriga a pagar as costas do procedemento ao Concello de Triacastela ata un máximo de 600 euros.

A orixe da actividade administrativa impugnada é a resolución municipal do 21 de novembro do 2014 que outorgou licenza a Cementos Cosmos, S.A. para a explotación mineira Don Isidro 6.043. Os demandantes alegaron, principalmente, a ausencia dunha declaración favorable de impacto ambiental e a ausencia do trámite preceptivo previsto na disposición transitoria 12ª da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (Louga), disposicion que advirte da necesidade da autorización por parte do Consello da Xunta ante a existencia de chan rústico de especial protección agropecuaria e de interese patrimonial, histórico ou artístico no ámbito territorial que comprende a licenza. Respecto da declaración de impacto ambiental, a sentanza subliña que a actividade da canteira se viña realizando "desde moito tempo atrás e con anterioridade ás normas" vixentes, pero "sen a pertinente licenza urbanística", polo que non pode ser considerada "un novo proxecto" e tería que contar coa declaración favorable de incidencia ambiental prevista nas leis estatal e autonómica de 2013. 

Así, o xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo revoga a resolución do Concello de Triacastela, que en xaneiro de 2015 desestimara o recurso de reposición que a Asociación O Iribio presentara fronte a concesión da licenza en 2014.

Canteira de Vilavella e a súa proximidade á Cova Eirós
Canteira de Vilavella e a súa proximidade á Cova Eirós | Fonte: Salvemos Cabana.

RECURSO

Ante este fallo cabe recurso de apelación a presentar nun prazo de 15 días, algo que o Concello xa anunciou que fará. 

De feito, a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, expresou a súa "sorpresa" ante o fallo xudicial e mantén a defensa da súa "legalidade", xa que asegura que tiñan "todos os informes sectoriais favorables, mesmo de Patrimonio", malia que a sentenza conclúe que a licenza debe ser revogada por non contar coa autorización do Consello da Xunta.

Con todo, dende organizacións implicadas na protección deste enclave, como Salvemos Cabana, consideran que "aínda que o Concello e a empresa poden recorrer a sentenza, desde a declaración como BIC da Cova Eirós semella que isto podería ser o principio do fin para este despropósito".

"Esta sentenza é un bravo por toda a xente que loita a diario por facer unha Galicia mellor", celebran dende Salvemos Cabana, que levaba anos denunciando que os traballos de extracción en Vilavella prexudicaban "seriamente" a conservación do xacemento arqueolóxico, do cal dúas terceiras partes se atopan baio a canteira.

>> Descarga a sentenza.

Instalacións de Cementos Cosmos
Instalacións de Cementos Cosmos | Fonte: Salvemos Cabana.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Penedo

En Castro-Narón a Cementeira segue sen ser derrubada como corresponde por Sentencia Xudicial FIRME