Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2017 | Actualizada ás 12:01
As asociacións animalistas Libera e Fundación Franz Weber propoñen, con decenas de miles de firmas, levar a cabo unha estratexia contra os malos tratos e o abandono animal a través de anuncios e cuñas na Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Sosteñen que, desta maneira, a Xunta e os medios de comunicación reforzarían o seu carácter de servizo público.
Segundo indicaron as entidades nun comunicado, esta medida ten o obxectivo de animar á cidadanía a adoptar animais, ser responsables cos seus e fomentar a proactividade para denunciar casos de crueldade.
Os animalistas lembran que, segundo as súas cifras, entre 16.000 e 18.000 animais poderían ser abandonados en Galicia durante este ano e alertan dun panorama "desolador" ante a "saturación" dos refuxios e centros de acollida e a "baixa" porcentaxe de adopción.
Ademais, explicaron que o abandono animal supón un custo estimado de tres millóns de euros ao ano ás administracións da comunidade.
CAMPAÑAS
A maiores, criticaron que o gasto da Xunta en campañas de sensibilización é "practicamente nulo", polo que ven "necesario" aplicar políticas de desconxestionamento dos centros --aplicando o cero sacrificio-- e multiplicar a achega de 300.000 euros do Goberno, a "maioría" en servizos de recollida privados.
Por último, Libera e Fundación Franz Weber lembraron o seu apoio parcial ao proxecto de Lei de Benestar Animal de Galicia, que, segundo explicaron, avanza en materias "urxentes" para a defensa e a protección dos animais na comunidade. Ademais, informaron da recollida de 93.000 firmas en liña para pedir o sacrificio cero e aplicar medidas que melloren o benestar dos animais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.