O PSOE expulsa o seu edil en Coristanco para evitar a moción de censura

Gerpe defende a necesidade de debatela e acusa o partido de "descoñecer a realidade" do seu municipio.

Por Galicia Confidencial | Coristanco | 23/08/2017 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O PSdeG formalizou este mércores a expulsión do seu único concelleiro en Coristanco (A Coruña), Abraham Gerpe, por non acatar a orde de retirar a moción de censura que asinou co PP para desaloxar ao alcalde, de Terra Galega, segundo confirmaron a Europa Press fontes socialistas.

Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGa), alcalde de Coristanco, con outros integrantes do seu partido
Amancio Lavandeira, de Terra Galega (TeGa), alcalde de Coristanco, con outros integrantes do seu partido | Fonte: QPC

A pesar do improbable de que prospere a moción co paso de Gerpe ao grupo de non adscritos (no que xa está unha exedila de Terra Galega), este concelleiro insiste en que debe debaterse á vista da xestión do goberno local. De feito, mantense a convocatoria para este venres ás 12,00 horas.

En todo caso, o PSdeG confirmou que este mesmo mércores notificou ao Concello de Coristanco a expulsión de Abraham Gerpe do grupo socialista, a única medida que pode tomar contra este edil ao non ser militante.

Co paso de Gerpe ao grupo de non adscritos, o PP necesitaría o apoio do BNG para sacar adiante a moción de censura. Polo momento, o portavoz dos populares en Coristanco, Antonio Pensado, non quixo facer declaracións. "Ata mañá non vou dicir nada", resolveu, en conversación con Europa Press.

CRITICAS DE GERPE AO PARTIDO

Pola súa banda, Abraham Gerpe negou que o PSdeG lle instara a retirar a moción e que lle comunicara que, de non facelo, sería expulsado do grupo. "Que ensinen documentación acreditativa", retou, tras acusar á dirección socialista de "descoñecer a realidade" de Coristanco.

En liña coas súas manifestacións dos últimos días, asegurou que el segue "o mandato da militancia" coa súa decisión de defender que se debata a moción de censura. Por iso, dixo que non lle parece "xusta" a súa expulsión. "Nin mo comunicaron nin sei en que se basean", recalcou.

Por outra banda, Gerpe lamentou non obter resposta do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, con quen se puxo en contacto a través da páxina web do partido.

REACCIÓN DO ALCALDE

Mentres, o alcalde, Amancio Lavandeira, considerou que a decisión dos socialistas pon "un pouco de sentido" á situación xerada tras a presentación da moción de censura.

A respecto dela, denunciou a existencia de "intereses de fondo" despois de denuncias sobre supostos subornos a edís de TeGa para retirarlle o bastón de mando.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta