Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/10/2010 | Actualizada ás 22:35
O diario Galicia Hoxe publicou este xoves un artigo de opinión de Fran P. Lorenzo crítico coa inminente visita do Papa. O comunicador atacaba os “controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial”.
"Insulto despiadado"
Ao día seguinte, o Arcebispado de Santiago deu a coñecer o “seu profundo disgusto” nun comunicado. Os curas argumentan que “a libertad de expresión no es una patente de corso para el insulto despiadado y la manipulación de escasísimo gusto, por otra parte, de una fotografía que por su exceso y zafiedad suscita un rechazo inmediato”.
A "fotografía" á que se refire o Arcebispado é en realidade unha fotomontaxe humorística tamén reproducida nesta noticia por Galicia Confidencial. É a mesma que se pode atopar na contraportada do Galicia Hoxe en papel do xoves, o nde Fran P. Lorenzo publica todas as semanas os seus artigos de opinión.
GC non pode enlazar ao artigo porque este desapareceu da web de Galicia Hoxe tras a protesta dos relixiosos. O texto, que ataca duramente á Igrexa por pedir cartos aos fieis para pagar a visita de Bieito XVI, tampouco figura en “Vai de blog”, a columna semanal deste autor no xornal.
Galicia Hoxe é parte da Editorial Compostela, tamén dona de El Correo Gallego, diario con moi bos contactos na cúpula da curia santiaguesa.
Google burla a censura de contidos unha vez publicados
Con todo, “Coma nenos píos con disfrace de mártire” aínda se pode ler gracias a caché de Google.
Google fai copia de todas as páxinas que visitan os robots que alimentan o seu potentísimo buscador. Isto permítelle responder moi rápido ás buscas. De paso tamén permite albiscar que contidos foron borrados ou corrixidos nunha páxina web unha vez publicados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.