Das tácticas e estratexias

Como disque as ideas nin as análises son obxecto de perseguición no estado de dereito, vou tentar expresar algunhas das miñas enmendas ao pensamento maioritario. Calquera proceso merece ser estudado a fin de comprender as súas causas, o seu desenvolvemento e o seu culme. O catalán non está finiquitado, mais ten dimensións que xa podemos abordar e medir para aprender. Vai para lonxe. Na terra queimada alguén ten que sair chamuscado.

Por Fermín Paz | Ferrol | 02/11/2017

Comparte esta noticia
Cando vin o Presidente Puigdemon da man da Sra. Marcela Topor entrando na sede do Parlamento, comprendín que esta vez  si era a definitiva para declarar a independencia. Somos humanos e, esta característica, é uniformadora de moitos dos comportamentos sociais con vestimenta de políticos. A ideoloxía de clase quizás permita darlle outra mirada.
 
Atrás quedaba toda unha morea de feitos da preparación, organización e construción para unha declaración de Cataluña como república independente. Os acontecementos precipítanse e amontóanse nunha secuencia, ás veces caótica, outras contraditoria, e sempre tensa porque nunca un proceso desta natureza pode ser distendido.
 
Vinte e catro horas antes parecía que a historia contada na escrita coas vísceras tíñanlle reservado un espazo no capitulo da traizón, mais de súpeto @s mesmos erguérono ao anfiteatro da dignidade e da gloria. "Que fraxilidade ten algunha xente", matinei, mais inmediatamente comprendín, de novo, que somos humanos, coas nosas potencialidades e debilidades. As pescudas do que aconteceu neste período de tempo son mais importantes para clarificar por que se fai a convocatoria de  novas eleccións via artigo 155 da constitución española cando todo aparentaba que ian ser convocadas desde a Presidencia  Catalá.
 
Un proceso político non sempre ten unha lóxica formal no seu desenvolvemento. Este obedece á complexidade da tramoia que o envolve e condiciona. En cada paso que se dá (tanto adiante como viceversa) non debemos desprezar na nosa análise que durante moito tempo o novo que se quere construír deberá convivir co vello. E iso é un hándicap de partida. Convén non esquencelo.
 
Antes de poñerme a escribir esta entrada, mirei de novo a resolución do Parlamento Catalán para clarificarme. A sesión parlamentar, o formato e a votación secreta fixose con intencionalidade xurídica ( comparar parte resolutiva con parte dispositiva ). É como unha partida de xadrez  con  “xenialidades e burramias”, que ás veces parecera que é favoábel a brancas, noutro día a negras, e ao seguinte, unha sociedade partida en dúas metades. No relato de parte, o contrario, sempre xoga con negras
 
Como non teño coñecementos xurídicos para embarcarme en disquisicións interminábeis nesta materia, confórmome con  reafirmarme no meu anterior artigo titulado “Adrede”. O que se está facendo pódese comprender mellor  no campo das tácticas e as estratexias que os eixos en contenda están a desenvolver. 
 
As palabras ás veces teñen significados moldeábeis a conveniencia de parte. Non acerto a comprender como unha resistencia pode cualificarse como unha rebelión pero polo escoitado, todo é posíbel. Unha cousa son os poderes do Estado e outra ben diferente un faladoiro de café ou unha opinión a respecto diso. Polo menos iso debería ser. Xa veremos que fai finalmente o Fiscal Xeral do Estado coa súa demanda ao Goberno catalán, á mesa do parlamento e quen sabe a quen máis e cando. Xa valoraremos e interpretaremos os resultados do 21 de decembro pero a partida seguirá.
 
Unha data de proceso eleitoral, unha contenda agora de"lexitimidades", e un territorio cheo de xente que vai ser chamada nuns días a que resolvan unha ecuación formulada para a convivencia en paz desde o confronto. Non é pouco pero é o que toca.
 
Pareceume interesante e arriscado, a estas alturas da película, ensaiar no campo do xogo que queda por xogar e de aí saíron os tres seguintes artigos que vos farei chegar ( A sorte non está botada, Raxoi non é parvo, E agora que?) nos que trato de botar luz nos acontecementos que tanta paixón están producindo e que con seguridade condicionarán o futuro político, ambiental e vivencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.