E agora que?

Comezarei por non agacharme, teño posición e alineamento a prol do soberanismo catalán. Estou canso das rodas de muíño do unionismo. O Estado Español na súa configuración ten tras de si unha historia que non debemos descoñecer. Hai quen di que os nacionalismos implican un atraso e unha semente de conflitos. Que casualidade que esta interpretación nunca foi aplicada ao nacionalismo español. Tantas veces negan o españolismo como concepto no debate político, como tantas outras queda acreditado na praxe daqueles que o negan.

Por Fermín Paz | Ferrol | 07/11/2017

Comparte esta noticia

O proceso catalán puxo de manifesto que a contradición nacionalismo-españolismo é a principal. O resto de problemas e as crises no terreo económico-social son secundarias e nunca chegan a confrontarse coa virulencia da primeira, supoño que algunha razón terá. A declaración de independencia é a represión son expresión da agudizacíon dista contradición. Por iso  podemos falar de presos políticos, e mais, cando  por “prevención”, meten na cadea, a parte da dirixencia de dito proceso.

 Algunhas mentes ilustradas e os alicerces do sistema atacan o nacionalismo como a besta negra de calquera progreso e acúsano de moitos disparates e dun común denominador, a súa insolidariedade. Eles mesmos calan e outorgan ante os vicios do sistema. A corrupción é un “sumidoiro” reventado: non é capaz de drenar as inxustizas, a desprotección e os incumprimentos que desde os poderes públicos se perpetúan e ao longo e ancho dos territorios do Estado “benfeitor”.

Ninguén me negará que o nacionalismo español está caracterizado por un discurso ancorado na hucha dunha historia con demasiados claroscuros para que sexa sempre virtuosa. Os seus defensores seguen no furado negro dunha patria única posible e como consecuencia, negadora de calquera outra, nos seus confíns. Só esa España ten dereito ao único estado nación. As demais nacións coexistentes son negadas na súa  viabilidade. Así reza no imperio das súas leis e da súa liberdade. Esta foi a interpretación histórica e ségueo sendo no marco da Constitución de 1978.

Faime graza que alguén crea que a reforma constitucional poida desatar o nó  fundamental do “atado e ben atado”. A saída desta lameira histórica non pode proxectarse na corredoira da alternativa unionista, merece unha grande avenida de liberdade onde nos poderíamos dar as mans, se fose posible un acordo.

Como a realidade persiste na súa andadura a través do tempo, o desencaixe das nacións no Estado Español é parte desa mesma historia.

Nada novo baixo o sol outonal de 2017, só represión.

Definitivamente,  o conflito serviu -entre outras cousas- para clarificar no seu verdadeiro significado o concepto de nacionalidade histórica. No unionismo seguen a interpretalo exclusivamente como un brindes do Estado coas rexións no marco da festa constitucional, ante o derrubamento da ditadura e a necesidade de homologación cos valores dunha democracia occidental. O estado reinventado foi e é puro unionismo  para inxerirse nun entramado europeo deseñado nas elites económicas e políticas do liberalismo e da socialdemocracia.
O confronto entre Cataluña-España xa ten demasiados episodios. Non é unha postmodernidade o reclamo soberanista. O poeta Gaspar Núñez de Arce, que fora gobernador de Barcelona durante a revolución de 1868, dixo no Ateneo de Madrid  que ”os cataláns senten envexa de Madrid" e denunciaba o catalanismo por situarse en camiños vedados . Asegura que o seu propósito non é outro que crear, "cos membros palpitantes da patria despedazada, inverosímeis organismos soberanos”.

Efectivamente, a pertenza obrigada de Cataluña ao Estado pasou (e pasa) ao longo dos dous últimos séculos por infinidade de tensións e crises.

O que acabamos de vivir é un capitulo máis da interminable serie.
 
E agora que?
 
Estou convencido de que  o movimento de “dar pao”  nas votacións do día 1 de outubro non foi unha boa xogada. O unionismo aprendeu pero tamén se deu conta que, as veces non é doado paras  as máquinas de toda unha estrutura de Estado porque teñen dinamicas de seu.  O seu impacto internacional mellorou, de novo a posición do soberanismo e este púxose de novo ao ataque. Chegou a declaración de independencia e a resposta defensiva co movemento 155 pola banda do unionismo. A análise da secuencia mostra que o soberanismo infravalorou o contrario e  que as premuras  case sempre son garantía de erros.

 Na partida de xadrez que están botando deu moito que falar a saída belga. A resposta ao 155 semellaba a desfeita soberanista. A “fuxida” foi analizada polo unionismo e simpatizantes  afeitos ao tradicional e o “inmortal”, como un gambito de rei, cando na realidade o movemento foi un gambito de dama. De volta ao rego e que sigan rindo co do Presidente Puigdemon.

Seguindo coa miña análise, comentarei algunhas xogadas máis. A independencia precisa da súa declaración, pero non abonda. Quedou demostrado. Noutro artigo que forma parte desta serie, falarei do perigo de converter o citado reclamo nun elemento táctico. No longo camiño que aínda queda por facer entrarán en xogo novos factores e posibilidades.

A “maioría silenciosa” emerxe na disputa do espazo político. Como era previsible, pouca xente vai quedar na casa o dia 21. Na vía da confrontación e nos termos en que estaba creo que o independentismo debeu dar outro salto para acumular forzas e ampliar espazo de representación, aceptando o marco electoral vixente (si, xogar con dúas barallas). Nada sería igual para o ideal soberanista cun apoio reforzado, aínda que a resistencia e a historia seguisen metendo o freo. Non se fixo un chamado electoral constituínte no momento preciso e, a partir de aí, a espiral cambiou de rumbo. Perder a iniciativa en política é perder a capacidade para orientar a dinámica dos acontecementos.

 Isto non supón volver a empezar. Creo que é mellor aceptar os erros e canto antes volver á disputa. Hai moita forza acumulada que estará disposta a seguir empurrando pero necesita saber como facelo nesta nova conxuntura. O peor é non asumir o que se fixo e instalarse no devalo da orden e do reparto nas candidaturas ou nas trincheiras de resistencia de cada unha das siglas. Na cartografía sociopolítica  os apoios as institucións cataláns chegan moito mais aló do perímetro soberanista. É tempo de acumular ista forza deixando nidiamente claro, para que se vai empregar.

O dia 21 de decembro só esta en xogo unha maior ou menor representación de bloques e a súa conformación para un novo goberno catalán. Agardar a ese día para definir este asunto é un erro. Denantes desa xornada haberá mais  movementos  tácticos de brancas e negras, na procura dun  maior beneficio para o movemento seguinte e calquera obxectivo estratéxico,   precisa das  oportunidades que se vaian xerando cos  acertos  de parte e dos erros do contrario.
 A historia prosegue, a loita continúa e o futuro aínda por facer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.