Raxoi non é parvo

Alá polo 6 de setembro do ano pasado escribín o artigo de opinión titulado “O que se está cocendo no pote” e nel dixen que “… o presidente do goberno español será do PP porque coas súas manobras tácticas pechou posibilidades a calquera outra alternativa, cun canto á unidade formulada unha vez mais, sobre a soberanía española única e indivisible…”. O PSOE, atrapado entre os debates internos e o medo que lle producían os riscos e esixencias dos socios de conveniencia, terían imposible a suma de 176. Raxoi de novo recuncando no goberno e os demais tirando os trastos entre si.

Por Fermín Paz | Ferrol | 17/11/2017

Comparte esta noticia
Hoxe dedico a miña atención ao Presidente Español, sempre desde unha perspectiva politica e sen furar no seu perfil psicolóxico ou vital, só cunhas pingas  de humor. Se fose un mediocre sen máis, polo menos, tamén se debería aceptar, por quen así o denomina, que a política actual está sumerxida na imbecilidade. Parece como que no país dos listos e espabilados se elexise o de menos luces. Creo que estamos nunha situación en que reina a mediocridade, na que el sabe navegar até con pouco vento.
 
Eu non teño problemas por recoñecer no contrario os seus meritos. É verdade que o adoito facer en "petit comité” por aquilo de non conceder vantaxe ao contrario nas miñas partidas de “xadrez” e, de cando en vez, fágoo en público perante a evidencia de que sobran os cualificativos e faltan alternativas.
 
As características políticas do Presidente do Goberno Español, cualificado nas redes sociais e noutros espazos de calquera xeito menos de espabilado, deben poñerse en cuestión cando desde a “intelixencia” conservadora ou o círculo cadrado e abstracto do “progresismo”, levan anos pretendendo substituílo por alguén mais merecedor, quizais máis honesto e brillante, mais o tempo pasa e nin o PP é derrotado, nin entre os populares aparece un novo “melro branco” para disputarlle a catequese. Todo esta situación, sen dúbida, provoca frustación política de diferente calado. Na esquerda polo suma e segue do PP e con Raxoi á fronte; entre os conservadores, porque con este liderado no monopolio da dereita non hai nunca que preguntar "e agora a onde imos?"; só se pode seguir na mesma camiñada ou dar a volta.
 
Para min é un tipo que ten o seu papel ben aprendido. Non é home de grandes retos, acéptaos, tratando por todos os medios de aparentar o seu control sobre a situación. Non dá alternativas, elixe entre as que lle proporcionan asesores e colaboradores, logo de estudaren as posicións do contrario. Os seus movementos parecen humildes e de principiante. Como no xadrez, sacrifica mesmo torres moi altas cando sabe que o rei estará seguro e a súa posición máis fortalecida. O seu esforzo máximo aplícao en impoñer decisións (con boas ou malas artes), ao ritmo mais cómodo posible.
 
Os seus medos e odios están entrecruzados. A espontaneidade sempre a recibe como un xaque. Nada hai  no Mariano Raxoi que permita comparalo con Vladímir Nabokov ( falaba varios idiomas do que quitou proveito no linguaxe  complexo e con moitas encrucilladas nos xogos que facía coas verbas e que lle deron gran sona na literatura do seculo XX). Só teñen un parecido. Unha mistura de medo e odio, a ser entrevistados ou comparecer públicamente.
 
En 1975, este último accedeu a un encontro perante as camaras de tv en Francia, concretamente no prestixioso programa cultural Apostrophes, aínda que lle puxo ao entrevistador( Pivot) dúas condicións. A primeira: coñecer de antemán, por escrito, as preguntas, para escribir el, á súa vez, as respostas e poder lelas disimuladamente durante a emisión. A segunda: ter a posibilidade de tomar algún que outro chafarote de whisky sen que os telespectadores se apercibisen diso. Pivot non o dubidou malia os condicións e o propio Nabokov achou a solución: “Vostede” -díxolle ao presentador- "pon o whisky nunha teteira, e, durante o programa, vaime preguntando se me serve un pouco máis de té". O 6 de decembro de 2002 Raxoi tiña que neutralizar a opinión pública pola catástrofe do Prestige e preparou e requetepreparou a comparecencia televisiva.Tiña o encargo, como Vicepresidente, dun “servizo a España”. O seu equipo move algunha das fichas do taboleiro para unha mellor posición pactando con algúns xornais o trampeo da realidade. Así Mariano espeta aquilo de ”… o dos catro regueiros con aspecto de plastilina en estiramiento vertical…”. Foi o momento de grandiosidade e xogada para historia: a defensa  dos “hilillos”, unha variante da trampa do tigre. 
 
A cantidade de anos que leva en política, con toda seguridade, permitiulle aprender e comprender as dinámicas  internas e externas, algo de tácticas e estratexias e tamén  experiencia na xestión da administración española. Dito doutro xeito: cando o necesitou, tanto no PP como diante dos Tribunais, saíu dos envites e do chamusco. Como sucesor de Aznar, aprendeu que tamén se pode morrer políticamente de “éxito”. O seu estilo é mais sinxelo no formal e igual de complexo no da caudillaxe: o que manda... manda e o que non está... non está. Non sente incomodidade diante das critícas ás súas obviedades, aínda que as elites madrileñas e o resto de contrarios se rían delas.
 
O proceso catalán permitiulle articular de novo un españolismo, agora con patente exclusiva sobre a democracia e a lei. Desde a Moncloa como centro de operacións,  espera o seu momento de mover ficha (forma de facer que tantos nervios dá moito que falar en sectores do xornalismo e entre os seus contendentes), para resituarse e conseguir unha posición dominante na política española sobre o eixo dunha estrutura tripartita ( PP, PSOE e Cs), co obxectivo de instrumentalizar non só este asunto, senón o conxunto. Velaí a súa estratexia deixando apodrecer o proceso desde o goberno español. O Tribunal Constitucional puxo o ramo e, colorín colorado, da evolución á involución. Na aplicación do 155, o efecto mais rechamante prodúcese precisamente pola axenda sorpresiva que impón para aplicar unhas medidas longamente estudadas e no tempo xusto. Antes: nacionalidades históricas = nación+gaseosa.  Hoxe:  nacionalidades históricas = rexións. Aparvado?
 
Raxoi non é parvo aínda que tampouco sexa un líder brilante. Mais cada peza que colle do contrario é unha fuxida cara adiante. Velaí como a xogada do 155 levou o Sr. Maillo a presentalo como salvador de España na nova campaña de imaxe que ten preparado o PP.  “Raxoi   salvador”  é un lema caralludo para quen teña moitas tragadeiras. Diante dos ollos (con lentes mal graduadas) da xustiza e da lei, todo é posibel. Acepto  que os seus fieis o louben, mais como “salvador” dáme un pouco de medo porque  voltaremos a refuxiarnos no pasado mitificado de heroes e cemiterios.  Sempre que nos “salvou un home forte”  viñeron as bágoas e a sangue.  Máis que caudillos, precisamos da liberdade de todas as patrías e institucións republicanas. 
 
Talvez Raxoi sexa un mediocre especializado, un utilarista para si mesmo e o PP; e un sucursalista europeo que, cando tivo que sacrificar, non  dubidou: modificou a Constitución Española, nun  amén, prexudicando os nacionais respecto dos acredores internacionais. Respecto da corrupción e  da involución unionista en camiño, entendo que logo deste artigo  o podamos calificar doutro xeito. Non sei se raposo, mais parvo non é. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.