Por X.M. Fernández | Monforte | 24/11/2017 | Actualizada ás 18:33
Este programa pretende aumentar o número de turistas na cidade. O Alcalde explicou en rolda de prensa que “é un programa no que todo o protagonismo se lle da ó viaxeiro e, polo tanto, imos distinguir como Descubridores de Sefarad a todos aqueles que se interesen por coñecer a nosa historia e cultura”.
A partir de agora calquera viaxeiro que se achegue a Monforte vai poder solicitar na Oficina de Turismo o seu Pasaporte de Descubridor. Este documento servirá para acreditar a visita a cada unha das cidades da Rede co seu selo correspondente. Unha vez que o turista acumule un determinado número de selos, poderá recibir varios obsequios: un diario de viaxe (que se consegue con 5 selos), un diploma de descubridor e unha insignia de Sefarad (con 10 selos), algo similar á Compostela do Camiño de Santiago.
Empezarase cuns 500 pasaportes en castelán, e outros 250 en inglés sendo posible pedir máis se fose necesario.
Os premios solicitaranse nos mesmos lugares nos que se entregan os pasaportes e poñen os selos, é dicir, na Oficina de Turismo.
O Alcalde fixo fincapé en que “isto vai permitir non só o coñecemento de Monforte, senón que ademais, a nosa cidade vai servir de plataforma para coñecer as outras 18 que integran o grupo da Rede de Xuderías: Ávila, Barcelona, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lucena, Oviedo, Palma, Plasencia, Ribadavia, Segovia, Tarazona, Toledo e Tudela”. Engadiu ademais que Monforte será unha marca turística diferenciadora que vai permitir ser máis atractivos como oferta combinada para o mercado internacional, en especial do continente americano e de Israel.
Publicidade impagable
O mandatario local dixo que “como exemplo, formar parte desta iniciativa vai permitir que un estranxeiro que visite Córdoba, Barcelona ou Toledo, pois vai saber que hai unha cidade que se chama Monforte e que ten a opción de visitala para completar esta marca turística, para completar os selos do seu pasaporte e así conseguir premios”. Afirmou así mesmo que “isto supón unha publicidade a nivel nacional e internacional impagable, porque nos sitúa no mesmo nivel de promoción e difusión que as grandes cidades citadas anteriormente, Córdoba, Barcelona ou Toledo, entre outras”.
Gala do Descubrimento
Ademais deste programa de fidelización ás cidades, haberá a Gala do Descubrimento. Será un acto lúdico no que se van entregar os Premios Sefarad a aquelas persoas, institucións ou proxectos que teñan contribuído a este proxecto.
A maiores, a esa gala vanse convidar a todos aqueles turistas que completen o seu pasaporte e que polo tanto, visiten todas as cidades que integran a Rede de Xuderías. Esta gala realizarase cada vez nunha cidade diferente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.