Atopan unha foca de só tres meses na Guarda

É o cuarto exemplar desta especie identificado na zona nas últimas décadas. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños encargarase da súa recuperación e volta ao seu hábitat natural.

Por Galicia Confidencial | A Guarda | 14/01/2018 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

Un mariñeiro da Guarda atopouse na mañá deste domingo cunha foca no porto desta vila pontevedresa. Segundo membros da Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) trátase dun lobo mariño cincento duns tres meses de idade.

Exemplar de foca de só tres meses de idade atopado na Guarda
Exemplar de foca de só tres meses de idade atopado na Guarda | Fonte: Anabam.

O curioso do caso é que esta especie acostuma nacer a partir do mes de setembro nas costas de Irlanda. No seu proceso de dispersión, este exemplar acabou chegando exhausto pero vivo á costa galega. Agora pasará un tempo de recuperación no centro do Cemma en Nigrán, antes de ser devolto ao mar.

Primeiro pasará por unha fase de recuperación na unidade de coidados intensivos da Cemma, antes de ser devolto ao seu hábitat natural nun barco pesqueiro no Gran Sol.

Do achado daba conta tamén este domingo a Asociación Naturalista do Baixo Miño Anabam, que explicaba que foi Iago Adrover, un mariñeiro que ía botar as redes, quen localizou o exempla, tralo cal se deu aviso á Cemma para o seu traslado á UCI que ten en Nigrán.

O exemplar foi bautizado co nome de Guardesiño, xa que é un macho. Este é o cuarto rexistro dunha foca no Baixo Miño, o primeiro, xa hai varias décadas, en Oia, os tres restantes na Guarda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta